Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A campaña de rebaixas xerará 10.080 empregos en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



A cifra supón un aumento do 0,3% respecto á mesma tempada do ano pasado, unha porcentaxe por debaixo da media nacional (2,1%). Na provincia da Coruña mesmo a contratación se contraerá un -2,8%.


Un estudo sobre as previsións de contratación durante a campaña de rebaixas de 2020 elaborado pola empresa de recursos humanos Randstad destaca que se xerarán nesta tempada máis de 163.000 contratos en España durante os meses de xaneiro e febreiro, a maior cifra do período estudado. En concreto, asinaranse 163.300 contratos nos sectores de comercio e loxística, un 2,1% máis que en 2019, cando se rexistraron 159.938. Aínda que se trata do aumento máis discreto dos últimos anos, a campaña de 2020 será a sétima ininterrompida en rexistrar incrementos.

“A campaña de rebaixas está sendo nos últimos tempos unha das mellores noticias do arrinque do ano para o mercado laboral. O auxe do comercio electrónico, que xa non resulta alleo a ninguén, está incrementando a demanda de todo tipo de perfís, en especial aqueles relacionados coa loxística e con capacidades dixitais”, explica Luis Pérez, director de Relacións Institucionais de Randstad.

Tendo en conta a comunidade autónoma onde se asinarán as contratacións, o estudo indica que Estremadura (11,6%), A Rioxa (10,9%) –ambas con crecementos de dous díxitos–, e a Comunidade Valenciana (9,1%) serán as rexións onde máis se incrementará a contratación con respecto ao ano anterior. Séguenlles, con crecementos tamén por riba da media nacional (2,1%), Andalucía (8,7%), Castela e León (7,9%), Navarra (5,5%), Aragón (5,2%), Baleares (4,6%) e Asturias (4,1%).

Con crecementos por debaixo da media nacional sitúanse Cantabria (1,6%), Rexión de Murcia (1,5%), País Vasco (0,5%), Galicia (0,3%) e a Comunidade de Madrid (0,1%). Por outra banda, rexistrarán caídas no volume de contratación nesta época Canarias (0,5%), Castela-A Mancha (-3,6%) e Cataluña (-7,2%).

Por provincias

A nivel provincial, Cádiz é a que un maior crecemento xerará de todo o país, un 32,1%, 30 puntos porcentuais por riba da media nacional. Tamén rexistrarán crecementos de dous díxitos Castellón (16,4%), Albacete (14,5%), Salamanca (13,1%), Huesca (13%), Cáceres (12,8%), Zamora (12,1%) e Badaxoz (11,1%). No lando contrario, a contratación caerá nas provincias de Guadalaxara (-14,2%), Tarragona (-11,4%), Álava (-8,8%), Barcelona (-7,9%), As Palmas (-4,1%), Xirona (-4%), Almería (-3,9%) e A Coruña (-2,8%).

En termos absolutos, Andalucía será, con 29.020, a rexión onde máis contratos se asinarán durante a campaña de rebaixas, seguida por Cataluña (25.800), a Comunidade de Madrid (25.800) e a Comunidade Valenciana (21.410). De feito, o 60,3% dos contratos que se levarán a cabo durante estes meses será nunha destas catro comunidades autónomas. Pola súa banda, A Rioxa é a rexión onde menos contratos se asinarán, apenas 800. Séguenlle, de lonxe, Cantabria (2.270), Navarra (2.350) e Estremadura (2.400).

Comercio electrónico

O estudo realizouse tendo en conta que os sectores do comercio e do transporte e loxística son os que principalmente lideran a xeración de emprego nos meses de xaneiro e febreiro, período no que se estende a campaña de rebaixas. En concreto, transporte e loxística será o que xerará máis contratos, ao supoñer o 58% dos novos postos, seguida polo 42% de sinaturas no comercio.

Neste crecemento da contratación será determinante de novo o comercio electrónico, que xa foi tanxible para o emprego nas festas de Nadal e datas promocionais como o black friday ou o ciber monday, auténticos fitos para o sector que conlevaron necesidades de man de obra. Esta nova vía de consumo está obrigando ás empresas a demandar perfís adicionais aos habituais, en especial no que a competencias dixitais se refire. Deste modo, os candidatos terán que contar a miúdo con formación específica de determinadas plataformas tecnolóxicas propias do comercio ou a loxística. Ademais, os reclutadores valoran en moitas posicións unha experiencia previa para unha rápida adaptación a postos moi dinámicos.

No sector da loxística espérase a demanda de postos de empaquetadores, carretilleiros, mozos de almacén e transportistas, entre outros. Así mesmo se incrementan as necesidades de profesionais destinados á atención ao cliente, tanto para atención online como telefónica. Pola súa banda, o comercio tradicional precisará de perfís que reforcen os seus cadros de persoal ante o aumento de consumidores con dependentes, promotores, azafatos e perfís comerciais, principalmente, entre os que se valorará unha boa predisposición á atención ao público.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)