Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Ano novo, traballo novo



REDACCIÓN · PUBLICADO O 03 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



Un de cada catro españois ocupados ten como propósito de aninovo cambiar de emprego. Segundo un estudo realizado por InfoJobs, o 42% deles faise propósitos de cara ao novo exercicio e o 62% destes inclúe algún relacionado co ámbito laboral.


Outro ano está empezando e son moitos os que aproveitan esta época do ano para marcarse novos retos de cara a 2020. Os propósitos de aninovo representan unha boa oportunidade para reflexionar sobre aquelas cousas que queremos mellorar ou cambiar co fin de estar máis satisfeitos con nós mesmos e, en consecuencia, algo que queremos cumprir porque nos axudará a ser máis felices coa nosa vida. Neste contexto, InfoJobs vén de realizar un estudo para analizar en que medida a poboación ocupada española se fai propósitos de aninovo e como son os que predominan no ámbito laboral.

Este estudo reflicte que o 42% dos españois se fai propósitos de ano novo, sendo as mulleres as máis propensas a realizalo. Mentres que elas o fan no 49,5% dos casos, a porcentaxe dos homes baixa ata un 35%. Á súa vez, do total de entrevistados que afirman facerse propósitos de aninovo, o 62% manifestou incluír no seu listado algún vinculado co ámbito laboral.

En concreto, mellorar a formación (48%) con algún curso de reciclaxe ou de novas ferramentas ocupa a primeira posición do ranking, seguido do non se estresar (45%) e aprender inglés ou outros idiomas (29%). Cómpre sinalar, á súa vez, que o 26% dos entrevistados tamén ten como propósito para o novo ano cambiar de emprego e o 23,5% organizarse mellor no traballo.

“Os datos que revela este estudo de InfoJobs amosan non só o interese da poboación ocupada española por facer cambios, senón que reflicten a importancia que ten o traballo á hora de planificar un novo ano. O feito de que o primeiro propósito relacionado co ámbito laboral sexa o de mellorar en formación non é extraño, posto que na contorna cambiante na que vivimos formarse xa non só é unha forma de progresar profesionalmente, senón que, nalgúns casos, é vital para sobrevivir nun posto de traballo”, explica Neus Margalló, responsable de Estudos de InfoJobs.

Diferenzas entre homes e mulleres

Ao analizar os datos por xénero, obsérvanse diferenzas entre homes e mulleres. No caso delas, o propósito no que máis pensan é o de non se estresar (en concreto, o 51% así o manifesta). A este lle seguen mellorar la formación (48%), aprender inglés ou outros idiomas (30%) e cambiar de traballo (30%).

En canto aos homes, a diferenza das mulleres, o seu principal propósito de aninovo é mellorar a súa formación (49%). Non se estresar ubícase no segundo posto cunha porcentaxe moito menor (37%): esta diferenza nas porcentaxes é natural se atendemos ao estudo de Cinfasalud, que confirma a maior propensión das mulleres a padecer estrés. Por outra banda, o propósito de aprender inglés ou outro idioma aparece tamén na terceira posición cun 29%. Sen embargo, para eles é máis importante organizarse mellor no traballo (26%), que aparece en cuarta posición por diante de cambiar de traballo, citado polo 21% dos ocupados.

Por idades

A nivel de idade, obsérvase como algúns propósitos cobran relevancia co paso do tempo. O propósito de non estresarse é o exemplo máis claro, xa que aumenta a medida que nos facemos maiores. Os mozos de entre 16 e 29 anos elixen este propósito no 35% dos casos, valor que aumenta ao 45,5% entre as persoas de 45 a 54 anos e que encabeza o ranking nos maiores de 54 anos co 58,5%. Á inversa ocorre co propósito de mellorar a formación, seleccionado polos mozos nun 53,5% dos casos e é o menos elixido polos maiores de 54 anos (33%).

Este último dato cobra relevancia se se ten en conta que uns empezan a dar os seus primeiros pasos no mundo laboral e teñen ansias de aprender, mentres que os outros están na recta final das súas carreiras profesionais. A mesma tendencia observamos co cambio de traballo: para o 28% dos mozos é importante, mentres que para os maiores de 54 anos esta porcentaxe baixa ata o 14%.

Analizados os propósitos por nivel profesional, tamén se observan diferenzas. Mentres que a formación é o propósito principal para empregados (49,5%) e mandos intermedios (47%), non o é para a dirección xeral e consello de dirección (33%). Neste último grupo aparece un novo propósito: pedir un aumento de soldo (37%), que cae ao 15,5% no caso de empregados e mandos medios. Non se estresar é o único propósito común nos tres niveis profesionais: empregados (45%), mando intermedio (45%) e dirección/consello directivo (40%).

Cinco consellos

Dende InfoJobs dan cinco consellos á hora de fixarnos un propósito para este novo ano:

1. Empece por un so propósito. Ir a por moitos dispérsanos e frústranos. Escríbao nun papel.

2. Reflexione sobre sé é suficientemente específico. “Facer exercicio” non é un propósito, “saír a camiñar tres tardes á semana durante unha hora” si o é.

3. Reflexione sobre a súa dimensión, ten que ser alcanzable. Ás veces poñémonos metas demasiado grandes e á semana xa nos sentimos frustrados.É mellor partilo, por exemplo: non é o mesmo dicir que para perder peso vou ir ao ximnasio todos os días que dicir o primeiro mes vou ir dúas veces á semana e ir incrementando a frecuencia paulatinamente.

4. Baixe este propósito nunha acción moi concreta: cando o fará, onde, de que maneira e como saberá que o conseguiu… Se ao baixalo sinte frustración, volva ao punto 3 sobre a dimensión. Ten que ser algo que lle motive e que sexa posible.

Visualice o resultado final e lembre a finalidade última de para que o definiu. Segue sendo motivador? Pois adiante. Empece canto antes e sexa constante. Confíe en vostede e os resultados chegarán.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)