Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Facendo fronte á despoboación do rural



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



O CSIC e empresas de diversos sectores crean a Plataforma Temática Interdisciplinar Alcinder para fixar poboación na contorna rural poñendo as investigacións de 16 grupos multidisciplinares do CSIC a disposición de iniciativas emprendedoras.


O Consello Superior de Investigacións Científicas define Alcinder (Alternativas Científicas Interdisciplinarias contra o Despoboamento Rural) como un instrumento de transferencia do coñecemento científico á sociedade para desenvolver iniciativas de emprendemento baseadas na I+D+i co fin de contribuír a fixar poboación en áreas xeográficas castigadas polo abandono do rural.

A PTI está integrada por 16 grupos multidisciplinares do CSIC baixo a coordinación da doutora Carmen Martínez, responsable do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), e o investigador do seu equipo José Luis Santiago, que se poñen ao fronte desta plataforma, da que tamén forman parte 15 empresas e tres fundacións.

“Estudos científicos previos permitíronnos demostrar a existencia dun gran patrimonio agrario descoñecido e incluso abandonado en zonas rurais despoboadas con posibilidades de valorización mediante o desenvolvemento de explotacións agrarias e industrias sostibles de alto rendemento económico”, explica a doutora Martínez. “O noso obxectivo é facilitar alternativas para a creación de microindustrias rendibles que combinen tecnoloxía punteira, recursos naturais, agrícolas e gandeiros, a cultura, a paisaxe e o capital humano”, engade.

Son varias as liñas de investigación presentadas pola plataforma Alcinder, que abarcan disciplinas tan diversas como Ciencias Agrarias, Veterinaria, Acuicultura, Informática, Telecomunicacións, Mecánica, Robótica, Química, Microbioloxía, Saúde, Farmacoloxía, Alimentación, Novos Materiais, Enerxías sostibles, Economía, Turismo, Historia, Arte, Demografía, Socioloxía, Ciencia Política, Urbanismo e Vivenda.

Multidisciplinar

O marcado carácter interdisciplinar da PTI e o obxectivo de abordar o reto da despoboación de forma transversal propicia a implicación de diferentes sectores e de grupos científicos ao CSIC moi diversos: o Grupo de Percepción Artificial; Centro de Automática e Robótica; Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia; o Grupo de Biotecnoloxía Enolóxica Aplicada, e a Unidade de Servizo de Técnicas Analíticas, Instrumentais e Biolóxicas, entre outros.

Nunha primeira fase, o ámbito de actuación da plataforma Aalcinder comprende Galicia, Castela e León e Asturias, coa intención de estender o proxecto ao resto do territorio da coñecida como “España vaciada”, zonas cunha taxa de despoboación moi elevada.

Alcinder abre as portas a sumar empresas doutros sectores, máis grupos de investigación e axentes sociais de áreas afectadas polo abandono rural; así como establecer sinerxias con outras entidades de similares características para unir forzas na busca de solucións ao reto demográfico ao que se enfronta toda a sociedade española.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)