Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O proxecto “O Fin do Camiño” chega ao Concello de Portomarín



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



As fotografías de Eduardo Ochoa e Carlos Puga ilustran esta exposición, que quedou inaugurada no Salón de Actos do Concello polo Colectivo Egeria co patrocinio da Xunta a través do programa “O teu Xacobeo”.


No acto participaron o tenente de alcalde do Concello de Portomarín, Pablo Rivas; o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz, e polo crego e musicólogo Xesús Mato. Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.

As fotografías de Eduardo Ochoa e Carlos Puga reflicten especiais visións dos camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros. Os textos abordan o tema de “O fin do Camiño” como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz.

Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela, destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.

Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López. A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30 x 0,80 metros, e conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición. Esta exposición xa estivo en Santiago de Compostela, O Pino, Arzúa, Melide, e Palas de Rei, e nas vindeiras semanas seguirá percorrendo o Camiño Francés en sentido inverso.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)