Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A loita con Facenda



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



“En España os contribuíntes gañan a Facenda un 69% dos casos de Imposto sobre Sucesións e Doazóns nos Tribunais Económicos- Administrativos”, anota Álvaro Sáez, avogado fiscalista pontevedrés. Estes Tribunais son órganos que, a pesar da denominación, non son xurisdicionais: son do Ministerio de Facenda.


“Todos sabemos que se nos chega unha carta de Facenda non será para felicitarnos polo noso bo traballo ao pagar. Probablemente sexa o principio dun longo procedemento. Pero é só iso, un procedemento ante o que o contribuínte pode defenderse e do que, segundo o visto na Memoria do Tribunal Económico Administrativo, ten bastantes posibilidades de saír vitorioso”, explica este avogado experto en impostos.

Na memoria de 2017 deste chamado "tribunal" recóllese como foi ese proceso en relación ao volume de casos recibidos e tramitados, e moitos dos contribuíntes, un 45,31% demostraron fronte á Axencia Tributaria que non tiñan a obrigación de pagar. Os seus recursos, en gran medida, foron estimados.

Sáez, que leva máis de dez anos traballando en Pontevedra, recoñece que o medo a Inspección de Facenda e con el ao Tribunal Económico Administrativo é un medo respectable e común. “Todos temos presente o caso dalgún coñecido ao que a Axencia Tributaria deixou sen practicamente nada na súa conta de aforros”,  pero no seu libro “Non pagar Impostos para axudar aos demais” explica como é posible simplificar eses temores partindo da base de que a Axencia Tributaria tamén comete erros. “Debemos poñerlle freo a ese espanto xeneralizado e que mellor maneira de facelo que con datos reais proporcionados polo propio Tribunal. A Inspección de Facenda non sempre ten razón e veces esíxeche que pagues máis do que debes. Esta é a principal razón pola que consigo anular as Liquidacións e Sancións derivadas das inspeccións”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)