Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Nova etapa na xestión do complexo de turismo e deporte de Manzaneda



REDACCIÓN · PUBLICADO O 14 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



O presidente da Deputación de Ourense vén de informar que en febreiro sacarase a concurso a xestión e explotación destas instalacións "que son un dinamizador económico da comarca e da provincia de Ourense, e un atractivo turístico de Galicia e do norte de Portugal". 


A Xunta Xeral de Accionistas de MEISA, celebrada hoxe na estación de montaña de Manzaneda, acordou iniciar unha nova etapa de xestión deste complexo deportivo, de turismo e ocio, para sacar a concurso, en breve, a explotación das instalacións, as cales xa contan cos novos canons de innovación, un avance tecnolóxico que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualifica como “un dos investimentos máis importantes na historia da estación de Montaña”. 

Nesta nova etapa de xestión, na que se levará a cabo un concurso aberto para atopar un novo operador, “buscamos cumprir os retos e as expectativas deste novo momento do complexo deportivo”, afirmou Manuel Baltar, quen comentou que na xuntanza nomeáronse os novos conselleiros, que por parte da Xunta de Galicia será o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e por parte da Deputación de Ourense, o deputado provincial e alcalde da Teixeira, Miguel Cid.

Tamén se deu conta das actividades que se veñen desenvolvendo na estación de montaña, “nun clima de unanimidade sobre as cuestións que se puxeron sobre a mesa”, valora o presidente do goberno provincial, destacando que na seguinte reunión do consello de administración, que se celebrará no mes de febreiro, aprobaranse os pregos e sacarase a concurso a xestión e a explotación destas instalacións “que son un revulsivo e un dinamizador económico non só da comarca senón de toda a provincia de Ourense e tamén un atractivo turístico de Galicia e do norte de Portugal”, expresou Baltar.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou a incorporación de Lete Lasa ao órgano directivo da sociedade subliñando “a compoñente deportiva” de Manzaneda, e explicou que a posta en marcha dun novo concurso “marcará un antes e un despois para a estación de montaña”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)