Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

España e Portugal son referentes europeos na adopción da factura electrónica



REDACCIÓN · PUBLICADO O 15 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



O seu uso é obrigatorio neste país nas relacións B2G dende 2015 e en Portugal dende abril de 2019. Ademais, as dúas nacións ibéricas lideran con Italia a implantación da súa obrigatoriedade nas relacións entre empresas (B2B).


A factura electrónica, e con ela a dixitalización da actividade empresarial, é unha realidade na Península Ibérica onde, tanto en España como en Portugal, o seu uso medrou expoñencialmente. Neste impulso tivo moito que ver a obriga xeneralizada da súa utilización no marco da Unión Europea nas transaccións entre empresas e as administracións públicas (B2G), segundo o estudo “Situación da Factura Electrónica no Mundo”, elaborado pola empresa especializada no intercambio electrónico seguro de documentos Seres.

En Europa, a factura electrónica está presente en todos os países e gran parte do éxito do seu uso débese ao impulso normativo por parte dos diferentes gobernos para acelerar a súa implantación a través da obrigatoriedade. No marco da UE, o pasado 18 de abril entrou en vigor o novo estándar europeo de factura electrónica, UBL (EN 16931), obrigatorio para as empresas europeas que facturen ás administracións públicas. Con esta medida, a UE quere impulsar un formato único de factura electrónica que simplifique e axilice a relación comercial entre as empresas europeas e extracomunitarias, e poñer fin á multiplicidade de formatos que se utilizan na actualidade. O novo formato, que fora adoptado xa por algúns países, ofrece unha estrutura da información que facilita o intercambio electrónico entre os países membros e non comunitarios. Desta forma, simplifícase a forma de facturación actual.

De maneira complementaria, tamén é utilizado internacionalmente e de forma xeneralizada o Proxecto de Compras Públicas Paneuropeas Online (Pan-European Public Procurement Online) Peppol, un conxunto de especificacións e estándares que facilitan o intercambio electrónico de documentos de forma transfronteiriza entre os diferentes países. O uso desta rede ríxese por unha estrutura de acordos multilaterais que naceron entre maio de 2008 e agosto de 2012. Actualmente, estes requisitos son propiedade e están mantidos por OpenPeppol, unha asociación internacional sen fins de lucro que xurdiu en 2012 tras a finalización do proxecto Peppol.

Facer negocios coas administracións públicas é unha importante fonte de ingresos para as empresas de toda Europa. De feito, a contratación pública representa aproximadamente o 18% do PIB da Unión Europea. Pero, para que sexa efectiva esta contratación, a comunicación e intercambio de información entre as empresas e o goberno debe ser rápida e económica, ademais de permitir a existencia dun Mercado Único Dixital, no que todas as empresas europeas poidan presentar ofertas para un contrato público, independentemente do país ao que perteneza.

Usos asociados

A factura electrónica facilita o desenvolvemento e aplicación de novos sistemas orientados á dixitalización da actividade económica, como é en España a posta en marcha en 2017 do Subministro Inmediato de Información do IVE (SII) ou do Subministro Inmediato de Libros de Información Contable de Impostos Especiais (Silicie), obrigatorio dende o 1 de xaneiro de 2020 para todas as empresas suxeitas ao pago de Impostos Especiais (IIEE), que deben presentar os seus libros contables na Sede Electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

Igualmente, coa finalidade de impulsar a factura electrónica en Portugal, a Axencia Tributaria e Aduaneira puxo en marcha en maio de 2019 o programa Simplex +, cuxo obxectivo é facilitar a creación de novos servizos públicos en liña, optimizar os existentes e desburocratizar a relación entre as institucións públicas e a sociedade civil. No marco deste programa publicouse o Decreto-Lei 28/2019, que ampliou a obrigación de facturar electronicamente ás empresas non residentes en Portugal a partir do 1 de xullo de 2019.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)