Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia rexistrou 3.046 constitucións de sociedades entre xaneiro e setembro



REDACCIÓN · PUBLICADO O 15 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



As notarías galegas tamén rexistraron 550 disolucións nos nove primeiros meses do ano pasado, pero tanto as aperturas como os peches só representan o 15% da actividade notarial relacionada co mundo da empresa.


Empresarios e emprendedores acudiron ás notarías galegas nos nove primeiros meses de 2019 para realizar 19.879 actos, cifra similar á rexistrada no mesmo período do ano anterior. O 31% deles referíronse a nomeamentos no consello de administración, e o 15%, á constitución de 3.046 sociedades e á disolución doutras 550. Consciente de que estes actos son claves na vida empresarial, o Consello Xeral do Notariado distribuíu un tríptico informativo nas notarías galegas sobre Como poden axudar os notarios aos empresarios”, no que se dá resposta a cuestións como se é mellor crear unha sociedade anónima ou limitada, cal é o capital mínimo para crear unha empresa, que son os estatutos e como se redactan.

O notario está presente na vida dunha empresa desde o seu nacemento ata a súa disolución, e ademais de autenticar os documentos e controlar a súa legalidade, prestan un servizo de asesoramento xurídico previo, gratuíto e de calidade. Segundo María Isabel Louro García, decana do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, “a actividade notarial e o mundo da empresa van máis aló da constitución de sociedades. Os notarios achegamos aos empresarios e emprendedores seguridade xurídica e tranquilidade”.

Os movementos nos órganos de administración de las sociedades (nomeamento de conselleiro delegado, liquidador, entre outras) son o principal motivo polo que os empresarios acudiron ás notarías galegas durante os nove primeiros meses de 2019, e representan o 31% do total dos 19.879 actos realizados neste período. Séguenlle a creación de sociedades ou o cesamento de administrador e outros cargos, cun 15 e un 11% respectivamente.

Creación de sociedades

A creación dunha empresa constitúe unha das decisións máis importantes no percorrido vital e profesional dun empresario. Os notarios, funcionarios públicos e expertos en Dereito, son os responsables da constitución de sociedades en España. Pero, tal e como informa o material divulgativo, a súa función vai moito máis alá, xa que o labor de asesoramento previo que realizan notarios é fundamental para decidir o tipo de sociedade máis axeitada á actividade que vai desenvolver e á responsabilidade patrimonial que desexe asumir. Neste sentido, o tríptico describe os diferentes tipos de sociedades (anónima, limitada, unipersoal o colectiva, entre outras moitas), así como os detalles e implicacións de cada unha delas.

Os datos amosan que a tendencia de creación de empresas mantense estable, aínda que cun lixeiro descenso. Atendendo aos datos máis recentes, durante os primeiros nove meses de 2019 constituíronse en Galicia 3.046 sociedades, un 4,7% menos que no mesmo período do ano anterior. O 89% delas foron sociedades limitadas. En canto ás disolucións, de xaneiro a setembro de 2019 disolvéronse 550 sociedades, cifra semellante á rexistrada no mesmo período do ano anterior.

A importancia dos estatutos 

Como se organiza e como funciona unha empresa? O tríptico informativo explica que, dentro da función de asesoramento do notario, está incluída a redacción dos estatutos, se así o desexa o empresario. A redacción de estatutos é un paso esencial na constitución da empresa, xa que neste documento establécese como se vai organizar e como vai funcionar, e é moi necesario prever adecuadamente o seu contido para evitar conflitos posteriores ou situacións non desexadas. Tamén é posible outorgar, igualmente ante notario, pactos parasociais ou pactos de socios que axuden ao bo funcionamento da sociedade e á resolución de conflitos no caso de que se produzan.

Por iso, os notarios de Galicia inciden na importancia de prever adecuadamente o contido dos estatutos, adaptando ás propias circunstancias persoais as opcións posibles en materia de determinación do obxecto, capital social, adopción de acordos polos socios, estrutura do órgano de administración, retribución dos administradores, prohibición de competencia, réxime de transmisión das accións ou participacións sociais, separación ou exclusión de socios e outros aspectos da vida da sociedade.

Debido a que en moitas ocasións os estatutos redáctanse de maneira privada, son moitos os empresarios que acoden posteriormente ás notarías para realizar modificacións e elevalos a escritura pública, dotándoos así de plenas garantías xurídicas. Durante os primeiros nove meses de 2019, nas notarías galegas realizáronse 1.359 actos relacionados coa modificación e adaptación de estatutos.

Modificacións estruturais

As empresas non son entes estáticos; están en constante cambio. A súa expansión, transmisión e adaptación a distintas circunstancias realízanse frecuentemente mediante modificacións estruturais. Esta expresión designa xenericamente certas operacións de reestruturación que comportan unha alteración substancial da sociedade, por afectar á súa organización patrimonial ou persoal.

Calquera modificación estrutural (fusión, escisión, transformación, cesión global de activo e pasivo e traslado de domicilio social ao estranxeiro) necesita o outorgamento da correspondente escritura pública. Tal e como explica o material informativo, o notario asesora ao empresario no deseño da reorganización máis adecuada ás circunstancias da empresa, así como no cumprimento dos requisitos necesarios para levala a efecto segundo o previsto na Lei.

Outras actuacións

No material editado cítanse igualmente outras actuacións dos notarios na vida corporativa, entre outras, intervir nas xuntas xerais ou asembleas de socios, redactando a acta da reunión cunha especial forza legal, acreditar o outorgamento de poderes a favor de persoas relacionadas coa sociedade ou de terceiros alleos á mesma.

Desde o ano 2015 o chamado “monitorio notarial”, é un medio rápido e áxil para conseguir un título de execución de débedas acreditadas (por exemplo, con factura) e non pagadas, evitando un xuízo declarativo. A súa reclamación por medio de acta notarial pode servir para proceder directamente ao embargo do debedor.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)