Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As aseguradoras do fogar xeran 44.500 empregos inducidos



PUBLICADO O 03 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)



Son os fontaneiros, cristaleiros, cerraxeiros e reparadores de electrodomésticos os máis demandados porque asisten os percances máis habituais nas nosas casas. A pingueira é a raíña dos contratempos.


Esa é a conclusión do informe O seguro do fogar e os gremios de reparadores elaborado por Estamos Seguros. Máis da metade (53%) dos problemas son danos por auga, de acordo con este estudo. Séguenlle a rotura de cristais (20%) e os danos eléctricos (12%). Os prazos que necesitan uns e outros para completar o labor débense, en boa medida, á natureza dos traballos para realizar.

O traballo repasa cales son as combinacións de servizos máis habituais cando alguén dá parte ao seguro por unha avaría no fogar. En catro de cada 10 ocasións a aseguradora manda a un fontaneiro (39%). En segundo posto figura a visita do cristaleiro (14%), tras a que aparecen os servizos de reparación de electrodomésticos (9%), cerraxería (6,7%) e electricidade (5,3%). Estes cinco supostos suman tres de cada catro atencións do seguro. Nalgunhas ocasións, con todo, é necesaria a colaboración de varios reparadores: destacan as accións combinadas de albaneis, fontaneiros e pintores (4,3% dos servizos) e a dun fontaneiro coordinándose cun pintor (2,6%).

Os prazos

Varían significativamente segundo sexa necesaria a intervención dun profesional ou outro. Habitualmente, unha avaría eléctrica ou un problema cunha fechadura resólvense no día. Unha fuga de auga liquídase en tres días, mentres a reparación dun electrodoméstico ou a substitución dun cristal adoitan levar cinco días. En moitos casos, unha reparación require de certos períodos de espera para o secado, o asentamento.

Os lugares onde se produce unha maior cantidade de actuacións do seguro do fogar son, por lóxica, os máis poboados. A provincia de Madrid sitúase na cabeza. En concreto, cada ano prodúcese aí o 18,5% das reparacións que se realizan en España. Séguelle na clasificación Barcelona, con outro 14,6%. Detrás van Valencia (5,49%), Sevilla (5,44%) e Alacante (4,20%).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)