Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Colaboración transfronteiriza cara impulsar a innovación exponencial en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)



O Clúster TIC Galicia e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) de Braga desenvolverán unha colaboración permanente para integrar os activos tecnolóxicos do laboratorio portugués nos produtos e servizos das empresas socias da organización galega.


Durante a visita ao centro INL en Braga, as empresas do Clúster TIC puideron coñecer de primeira man as diferentes tecnoloxías que se desenvolven no centro de investigación da cidade portuguesa, e que están xerando unha revolución sen precedentes na calidade de vida, a competitividade e a produtividade empresarial. Nesta visita participaron as empresas Dos Espacios, Imatia, Strelia, Cinfo e Itelsis, ademais do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig).

A visita tamén permitiu aumentar o coñecemento do INL sobre algunhas empresas que conforman o sector TIC de Galicia, e estreitar a colaboración entre ambas entidades para desenvolver servizos en Galicia que impulsen a innovación exponencial na industria e na sociedade. Pola súa banda, o clúster dará a coñecer entre o sector tecnolóxico de Galicia as capacidades atesouradas no INL, e recollerá información sobre novos retos ou ideas de produtos ou servizos que usen as capacidades do laboratorio.

No INL desenvólvense tecnoloxías como a nanosensórica, nanoelectrónica, nanorobótica, nanofotónica ou nanomedicina, entre outras. O potencial destas tecnoloxías amplifícase cando interactúan e se combinan de forma innovadora, xerando innovación disruptiva. A converxencia tecnolóxica está transformando radicalmente a forma de traballar, fabricar ou prestar servizos, e está reconfigurando as cadeas de valor e os modelos de negocio de todas as empresas a nivel mundial.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)