Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Futuros médicos galegos coñecerán o valor das augas mineromedicinais na prevención e tratamento das enfermidades



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)



A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia comeza este mes un novo curso académico, no que 120 alumnos de Medicina se beneficiarán de prácticas en seis centros termais da comunidade autónoma.


A materia de Hidroloxía Médica comezou a impartirse na Universidade de Santiago en 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en España, e que forma cada ano a máis dun centenar de alumnos.

O director da Cátedra é o doutor Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Salienta “a importancia de iniciar aos alumnos na utilización desta modalidade de terapia na súa práctica médica”. Nesta liña, os futuros médicos coñecerán as indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas mineromedicinais que existen nos balnearios galegos.

Os alumnos, todos eles de sexto curso do Grao de Medicina, participarán en sesións teórico-prácticas de fin de semana, ao longo do mes de marzo, en seis balnearios da comunidade autónoma. Trátase dos balnearios ourensáns de Laias (no concello de Cenlle) e Arnoia; os pontevedreses de Mondariz e Caldelas de Tui, e os lucenses de Augas Santas (Pantón) e Balneario de Lugo-Termas Romanas.

Nestas sesións, impartidas polos directores médicos e profesionais de cada centro, abordarase o valor terapéutico das augas mineromedicinais no tratamento das enfermidades reumatolóxicas e nas patoloxías reumáticas crónicas. Tamén se afondará en diferentes terapias e técnicas termais, así como no tratamento dos pacientes xeriátricos. Abordarase o papel da balneoterapia no deporte, ademais do termalismo pediátrico.

O director da Cátedra destaca “o peso cada vez maior da hidroloxía médica na medicina actual, pois o avellentamento da poboación, o incremento das enfermidades crónicas e o estrés fan que a balneoterapia teña cada vez máis aplicacións”. O doutor asegura que na actualidade “é indiscutible o valor da balneoterapia como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos patolóxicos de evolución crónica”.

Guía didáctica, vademécum e ciclo de saúde

Entre as actividades que a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia vai desenvolver este ano, destaca a distribución, co apoio da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, de exemplares da recentemente presentada “Guía didáctica: Os Balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde” nos preto de 1.300 institutos e centros de Primaria de toda Galicia, tanto públicos como privados.

Tamén se vai continuar coa distribución, entre os novos especialistas médicos da comunidade galega, do “Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia”, no que se recollen as indicacións terapéuticas da cura balnearia. Permite aos facultativos dispoñer de información actualizada e científica sobre a composición e propiedades terapéuticas dos diferentes tipos de augas mineromedicinais que existen en Galicia, o que facilitará o seu uso como alternativa eficaz ou complementaria aos medicamentos en certas doenzas.

Ademais, a Cátedra está a organizar o II Ciclo “A saúde é o que importa”, dirixido á poboación xeral, en colaboración coa Fundación Araguaney. E ten previsto así mesmo participar en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que este ano se celebrará en Arxentina.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)