Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

HM Hospitales incorpora unha nova directora médica en Compostela



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)



A Dra. Verónica Ángel vén de asumir a dirección dos hospitais composteláns HM Rosaleda e HM La Esperanza, onde afronta como retos inmediatos o reforzo dos servizos de Urxencias e de Diagnóstico por imaxe. 


A Dra. Verónica Ángel Álvarez acaba de incorporarse á dirección de HM Hospitales en Galicia como directora médica dos hospitais HM Rosaleda e HM La Esperanza de Santiago de Compostela. 

Licenciada en Medicina Xeral con especialización en Medicina Familiar e Comunitaria e  Master en Urxencias, conta con máis de 15 anos de experiencia no ámbito asistencial, fundamentalmente en Urxencias.

A Dra. Ángel chega a Santiago procedente do Hospital Universitario HM Sanchinarro de Madrid, onde levaba traballando case seis anos como médica adxunta de Urxencias polo que coñece ben este servizo que sitúa como unha das súas prioridades en Santiago de Compostela “co fin de mantelo ao máis alto nivel e dar aínda maior axilidade en tempos de espera”, sinala. 

“Coñezo ben o funcionamento das Urxencias e as necesidades que teñen tanto os profesionais como os pacientes, e quero aplicar ese coñecemento neste hospital de modo inmediato, sobre todo tendo en conta que nos atopamos nun momento do ano de gran actividade e no que é máis necesario que nunca ofrecer rapidez e eficacia aos pacientes que chegan ás nosas Urxencias”, explica a directora médica de HM Hospitales en Santiago. 

Outra das prioridades da nova dirección médica é manter a actividade dos quirófanos e do servizo de Radioloxía nos dous centros da cidade xa que o incremento de actividade, "tanto propia como derivada, obriga a coidar tempos para manter a máxima axilidade nas citas, especialmente en resonancia magnética", sinala o grupo nun comunicado no que tamén indican a intención da nova dirección de darlle un novo pulo ao Policlínico HM Rosaleda Lalín, onde agardan abrir novas consultas e servizos "que dean resposta á demanda asistencial existente na comarca do Deza". 

Apenas uns días despois da súa incorporación a nova directora asegura apreciar “o agarimo que a xente de Santiago ten por estes hospitais que son un referente na cidade, polo que asumo este posto co orgullo de unirme a un prestixioso equipo xa consolidado, e co propósito de continuar esta longa traxectoria sanitaria na cidade”, indica a Dra. Verónica Ángel.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)