Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O GALP Ría de Pontevedra asesora aos promotores de proxectos de emprendemento



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)



O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro inicia o vindeiro luns unhas xornadas de asesoramento nas que informarán sobre os máis de dous millóns de euros para apoiar proxectos que dinamicen a contorna da ría.


A presidenta e a xerente do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores e Laura Nieto, respectivamente, acompañadas pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentarán mañá as xornadas de asesoramento a persoas promotoras de proxectos que aposten pola dinamización empresarial da contorna da ría. O acto terá lugar ás 12.00 horas no Porto de Marín, no Espazo Emprendedor do Concello (ao lado do edificio da Autoridade Portuaria), e está aberto a particulares, entidades e asociacións interesadas en buscar financiamento para a posta en marcha de proxectos ligados ao sector pesqueiro e tamén ao patrimonio cultural marítimo pesqueiro.

A presentación busca dar a coñecer unhas xornadas nas que se informará pormenorizadamente destas axudas (contías máximas de financiamento, procedementos, casos de éxito) e das entidades e/ou persoas que poden beneficiarse delas. A primeira xornada terá lugar o luns en horario de 10.00 a 12.00 horas para os proxectos produtivos e de 18.00 a 20.00 horas para os non produtivos. As persoas que asistan contarán con asesoramento personalizado para a mellor xestión do seu proxecto. Para máis información sobre os talleres poden chamar ao 604 022 612 ou enviar un correo electrónico a galppontevedra@gmail.com.

A primeira convocatoria de axudas para 2020 estará aberta ata o 2 de marzo e poden presentarse a elas aqueles proxectos empresariais que promovan o desenvolvemento da contorna da Ría de Pontevedra. O GALP dispón de máis dous millóns de euros para os proxectos que se presenten a esta convocatoria. Os importes divídense entre os proxectos produtivos que superan o millón e medio de euros repartidos en tres anualidades o os proxectos non produtivos que repartirán un importe de case 550.000 euros tamén en tres anualidades As axudas poderán conseguir ata o 50% do investimento, que pode chegar ata o 80% para proxectos vinculados á pesca costeira artesanal. Pola súa banda, nos proxectos non produtivos con finalidades non económicas, que cumpran determinados requisitos, a axuda pode ser do 100% de subvención.

Proxectos subvencionables

Nas sesións, que se levarán a cabo nos concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño, analizaranse os proxectos que poden recibir estas axudas así como os pasos a seguir para converter en realidade unha idea de negocio. Anualmente preséntanse dúas convocatorias para subvencionar aqueles proxectos que se orienten cara a promoción de procesos e produtos pesqueiros de calidade e orixe local, e os que aínda relacionados con outros sectores de actividade contribúan a dinamizar e beneficiar o tecido socioeconómico da área de influencia do GALP con proxectos que xeren emprego e axuden a fixar xente no territorio, que poñan en valor e conserven o patrimonio cultural e medioambiental e que, en definitiva, repercutan positivamente no benestar social.

A través destas axudas, o GALP Ría de Pontevedra apoiou nos últimos anos proxectos do máis diverso, desde melloras en instalacións portuarias ata rutas turísticas pasando por programas gastronómicos e de divulgación da cultura mariñeira.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)