Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Rexeitamento á universidade privada galega



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)



O interese de Abanca por poñer en marcha unha universidade privada en Galicia non foi ben acollida, especialmente por quen mellor coñece o sector. Ao rexeitamento inicial dos tres reitores uniuse o de sindicados de profesorado, estudantes e numerosos grupos políticos e sociais que día a día engrosan a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública.

O  sector universitario é unánime no seu rexeitamento a unha universidade privada. As intencións de Abanca de meterse no sector educativo atopáronse coa firme oposición de toda a universidade galega, que día a día suma adhesións

Os tres reitores das universidades públicas foron os primeiros en oporse ao novo anhelo do banqueiro venezolano, pero a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, composta inicialmente polos sindicatos CIG, CC.OO. e UGT e polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes continúa medrando día a día coa adhesión de persoas a título individual pero tamén de grupos sociais e políticos. Nos últimos días amosaron a súa intención de adherirse Traballadores Galegos da Universidade (TGU), A Trabe Colectivo Nacionalista do PAS da USC, Confederación ANPAS Galegas, BNG, Grupo Común da Esquerda, Galiza Nova e Briga.

Desde Abanca aseguran estar “sorprendidos” polas críticas e defenden a súa universidade como “un paso natural” que “enche o baleiro existente” en campos nos que consideran que cómpre máis oferta. Mais non o ve así o reitor vigués, Manuel Reigosa, cando explica a súa oposición baseándose en que a oferta nova non debe solaparse co que ofrece o sector público. Antonio López, reitor da USC, non nega que sexa lícito ofrecelo pero cre que a proposta “nin mellora nin completa” a pública. Porén, os máis belixerantes son os sindicatos de profesorado e alumnado que cren que a pretensión do banco supón unha “mercantilización dos estudos superiores”.

Apoiar a privada mentres se desentende a pública

Os sindicatos reproban que a Xunta estea disposta a apoiar a Universidade Intercontinental da Empresa mentres ás públicas se lles nega a posibilidade de ter novos títulos e recordan que a lexislación marca unha oferta de, ao menos oito titulacións entre graos e posgraos para abrir unha nova universidade. Por iso o 11 de febreiro profesores, estudantes, representantes sociais e políticos secundaron as concentracións simultáneas convocadas en todos os campus galegos para dar “unha resposta social contundente” ao redor da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública.

Suso Bermello, un dos portavoces da Plataforma, pediu o apoio da sociedade galega para impedir que se lle poña “unha alfombra vermella á universidade privada”, despois de “regalarlle os aforros de todos os galegos” a Escotet a través das caixas de aforros. “Primeiro regaláronse as caixas de aforros e agora o presidente Feijóo pretende agasallar ao presidente do banco venezolano, Juan Carlos Escotet, os estudos superiores galegos en detrimento da igualdade de oportunidades e da equidade social”, asegura a Plataforma, ao tempo que denuncia a negación de “recursos, titulacións e reposición de efectivos á universidade pública”.

Polo Goberno galego falou a conselleira de Educación, Carmen Pomar, quen sinala que neste momento é o Ministerio de Universidades liderado por Manuel Castells o que ten que emitir un informe favorable ou desfavorable. Non se molla, malia que recoñece que “é moi lícito que os reitores teñan certo recelo”.

Comunicado dos reitores das Universidades públicas galegas

Somos tres universidades públicas as que compoñemos o Sistema Universitario Galego. As tres contamos con ampla experiencia en termos de éxito na formación de egresados, na investigación –producindo o 75 % da realizada en Galicia– e na transferencia, ademais de estarmos comprometidas coa mellora e a responsabilidade social”.

Así comeza o comunicado que asinan conxuntamente Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña; Antonio López , reitor da Universidade de Santiago de Compostela e Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. Un documento no que recordan que a universidade galega ten os “prezos públicos máis baixos de España” e que está “entre as 1000 mellores a nivel mundial”.

Non obvian a baixada de estudantes por mor da “grave crise demográfica” pero tampouco existe “falta de titulacións nin de prazas e, se se detectan, somos quen de responder ás novas competencias profesionais”, motivo polo que “non existe a necesidade de novas universidades en Galicia”. Os responsables da universidade galega consideran que “os esforzos dos cidadáns, a través dos seus impostos, deben ir encamiñados a fortalecer o actual sistema universitario público”. E aínda que non lles asusta competir coa iniciativa privada, “o que si nos preocupa é que esa competencia sexa desigual” xa que afectaría “a condición indispensable da igualdade de oportunidades”.

O comunicado dos reitores remata agradecendo “ás organizacións sindicais e ás de representación estudantil que conforman a Plataforma pola Defensa da Universidade Pública o seu compromiso e apoio” e pídenlle á cidadanía e ás institucións un firme compromiso co Sistema Universitario Galego que redundará “nun mellor futuro para Galicia e para as galegas e galegos”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)