Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Seis emerxentes para os exportadores en 2020



REDACCIÓN · PUBLICADO O 14 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)



Brasil, Colombia, Emiratos Árabes, Casaquistán, Senegal e Vietnam destacan como mercados con fortes perspectivas de crecemento e unha vulnerabilidade limitada ao contexto global, segundo o último informe de Crédito y Caución.


En 2020, a flexibilización da política monetaria terá un efecto estabilizador do crecemento global, acompañado dun lento repunte do comercio, pero o escenario non está exento de incertezas, como a posibilidade de vivir novas tensións comerciais entre Estados Unidos e China ou un non acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea. Que mercados emerxentes sobresaen neste contexto? O último informe de Crédito y Caución pon o foco en seis mercados: Brasil, Colombia, Casaquistán, Emiratos Árabes Unidos, Senegal e Vietnam. Trátase de países con crecementos sostidos dol PIB impulsados polo consumo privado e o investimento fixo, suficiencia de reservas externas, tipos de cambio flexibles e estabilidade institucional. “Algúns dos países mencionados non son os mercados de máis rápido crecemento, pero experimentan un crecemento estable ou acelerado, xunto con condicións comerciais favorables e oportunidades en varios sectores”, di o informe.

A aseguradora de crédito espera que a expansión do PIB de Brasil, a maior economía de Iberoamérica, acelérase en 2020. As reformas da Administración deron un impulso á confianza das empresas. A demanda interna tamén se está fortalecendo polo aumento do poder adquisitivo dos consumidores. En Colombia, o crecemento económico seguirá sendo robusto en 2020. O ambicioso programa de infraestruturas seguirá sostendo os investimentos públicos, mentres que os investimentos privados se verán apoiados pola obtención da candidatura á OCDE, a redución do imposto de sociedades e os tipos de xuro. O consumo privado apóiase nun sólido crecemento dos ingresos e unha inflación contida. O sector petroleiro beneficiarase dunha ampliación dos proxectos de fracking.

En Asia central, Casaquistán presenta unhas perspectivas favorables para 2020, con aceleración do crecemento e unha relativa estabilidade monetaria. O país está invistindo na diversificación económica e a mellora das súas infraestruturas. Emiratos Árabes Unidos destaca pola súa estabilidade institucional cunha economía relativamente diversificada que actúa de polo rexional turístico, financeiro e loxístico. A política económica profundiza na redución da dependencia dos hidrocarburos: prevese que a contribución do petróleo ao PIB diminúa do 26% actual ao 20% en 2021. A Expo 2020 impulsará a chegada de turistas e os proxectos a grande escala atraerán investimento estranxeiro directo.

Senegal e Vietnam

Na África subsahariana, destaca Senegal con institucións estables, unha democracia sólida e un elevado crecemento do PIB. A expansión económica apóiase en investimentos en infraestruturas e aumentos da produción industrial e agrícola. Nos próximos tres anos o país ten previstas importantes reformas estruturais para apoiar o investimento privado e aumentar a diversificación económica.

Vietnam é unha das economías do surleste asiático con maior taxa de crecemento, apoiado pola solidez das exportacións e a produción industrial. Os baixos custos de man de obra e a existencia de zonas económicas especiais reforzan as oportunidades de investimento para empresas estranxeiras. A súa capacidade de produción medrou de forma acelerada dende o comezo da guerra comercial entre Estados Unidos e China.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)