Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Senegal ofrécese aos empresarios galegos como o ‘hub’ subsahariano



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE MARZO DE 2020 · (0)



A embaixadora da república africana en España, Marianne SY, mantivo onte un encontroa CEG, no que expuxo as oportunidades de negocio que lles brinda o seu país, cuxas vendas a Galicia pasaron dos 7,3 millóns de euros en 2009 aos 48,2 millóns no pasado exercicio.


As relacións comerciais entre Galicia e Senegal incrementáronse substancialmente nos últimos anos. Así, Antonio Fontenla, representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG, sinalou durante a súa intervención que “de exportar 12,6 millóns de euros en 2009 pasamos a 27,9 millóns de euros o pasado ano, e de importar 7,3 millóns de euros en 2009 pasamos a 48,2 millóns de euros dez anos despois”. Ademais, puntualizou que “a nosa comunidade exportou no exercicio pasado o 9,2% do valor dos produtos españois a Senegal, situándoa en 5º lugar tras Canarias, Valencia, Andalucía e Cataluña, e sendo os produtos industriais e a tecnoloxía –fundamentalmente material eléctrico, maquinaria de transporte e elevación, barcos, etc–, obxecto do 96,4% do total das exportacións nese período, destacando tamén a importancia da exportación de peixe conxelado”.

Fontenla tamén salientou que no caso das importacións, unha terceira parte do valor dos produtos senegaleses que chegaron a España o ano pasado –o 31,3%– tivo como destino Galicia, “constituíndo a primeira comunidade autónoma española neste sentido”. Segundo explicou, o 99,8% destas importancións corresponde a produtos agroalimentarios, entre os que destacan o peixe, os moluscos e os crustáceos.

Pola súa banda, a embaixadora de Senegal en España expuxo na súa intervención que “o noso país se atopa en plena fase de desenvolvemento da segunda etapa do Plan Senegal Emerxente (PSE), un conxunto de políticas estratéxicas que se converteron no marco de referencia da política económica do país e que ten como obxectivo principal facer del un hub loxístico, industrial, aéreo, mineiro e turístico para o ano 2035”. “A primeira fase –a comprendida entre 2014 e 2018– financiouse con socios públicos, pero neste segundo período –ata 2023– necesitamos financiamento privado, e o Estado está tomando medidas para facilitalo”, comentou a embaixadora.

Marianne SY concretou que o que se pretende é dar “un impulso en temas de fertilizantes e industria agroalimentaria –servizos de mecánica agrícola, distribución e comercialización de produtos–, así como en construción –de aquí a catro anos pretendemos construír 100.000 vivendas–“, ao que engadiu a intención de fornecer o sector pesqueiro e o enerxético. Por último tamén fixo referencia a que “Senegal forma parte da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao), o que suporía para as empresas galegas entrar a operar nun mercado composto por case 300 millóns de habitantes”.

Entre outras autoridades, a xornada tamén contou coa presenza do primeiro conselleiro da Embaixada, Thierno Souleymane Diack, e con Augusto Álvarez-Borrás Massó, director da Área de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)