Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os galegos depositaron no contedor amarelo un 10,1% máis de envases en 2019



REDACCIÓN · PUBLICADO O 14 DE MAIO DE 2020 · (0)



Cada cidadán separou para a súa posterior reciclaxe 12,9 quilogramos de envases de plástico, latas e briks. No caso dol contedor azul, o crecemento foi do 5,6%, separando cada galego 14,9 quilogramos de envases de papel e cartón. Grazas a este acto, o pasado ano recicláronse 69.570 toneladas de envases de plástico, latas, briks, e de papel e cartón.


Desta forma, os galegos contribuíron de forma significativa ás 1.505.661 toneladas recicladas a nivel nacional e, con iso, a evitar a emisión de 1,67 millóns de toneladas de CO2 á atmósfera e ao aforro de 20,74 millóns de m3 de auga, 6,36 millóns de MWh de enerxía e 1,5 millóns de toneladas de materias primas. Así, os datos acadados en 2019 confirman a tendencia ascendente seguida por Galicia nesta materia. De feito, nos últimos cinco anos, o uso do contedor amarelo incrementouse un 31,3% na rexión.

“Os datos de reciclaxe de envases acadados en 2019 son froito do traballo realizado por toda a sociedade galega. Cidadáns, concellos e empresas contribuíron, cada un dende o seu ámbito de responsabilidade, a que a reciclaxe, lonxe de estancarse, medre ano tras ano en Galicia e sexa unha ferramenta esencial para protexer e coidar o medioambiente, indica Fernando Blázquez, xerente de Ecoembes en Galicia.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destaca o nivel de compromiso e de concienciación cada vez maior entre os galegos coa recollida selectiva e a separación dos residuos en orixe, tal e como reflicten as cifras de Ecoembes. Por iso, fai un chamamento á poboación para que “manteña ese esforzo e siga contribuíndo deste modo a que a comunidade sexa cada vez máis verde”.

Lograr estes datos só é posible coa participación activa de todos os actores que forman parte do ciclo da reciclaxe, un ciclo que coordina Ecoembes e que empeza cando os cidadáns galegos separan os seus envases para depositalos nun dos 50.907 contedores amarelos e azuis que hai na comunidade (2.266 máis que en 2018), así como nos distintos puntos de reciclaxe situados naqueles lugares onde pasan parte do seu tempo, como festivais de música e centros comerciais. Exemplo diso son os 1.170 novos establecementos horeca (hoteis, restaurantes e cafeterías) en Galicia que comezaron a separar os seus envases o pasado ano, amosando o seu compromiso co medioambiente e cos consumidores; as máis de 690 feiras, feiróns e encontros gastroculturais nos que se levou a cabo a Campaña Separar con Xeito, ou a instalación de distintos puntos de reciclaxe en estadios deportivos, como o do Real Club Deportivo de La Coruña, o do Celta de Vigo ou a Federación Galega de Rugby.

O papel das administracións

Neste punto, o labor desenvolvido polas administracións locais é fundamental. Así, Ecoembes traballa con máis de 300 municipios de toda Galicia co fin de realizar campañas de sensibilización entre os cidadáns e financiarlles –grazas ao pago do Punto Verde por parte das empresas– o custo do servizo esencial de recollida e tratamento dos envases, ademais de para renovar e reforzar a rede de contedores e puntos de reciclaxe postos a disposición dos galegos. Tras a recollida dos contedores, os residuos trasládanse ás plantas de selección dispostas na rexión, onde se clasifican os distintos materiais antes de ser trasladados aos recicladores para convertelos en novas materias primas. Aquí, Ecoembes ofrece asesoramento técnico para mellorar a eficiencia no tratamento dos residuos.

O pago aos concellos para facer fronte a todos os custos derivados do proceso de reciclaxe –dende operarios, camións e contedores, incluíndo os custos de recollida, transporte e selección dos residuos, así como as iniciativas de sensibilización– é posible grazas ao Punto Verde que abonan as 12.500 empresas que forman parte de Ecoembes en España, das que 589 se atopan en Galicia. A través deste símbolo presente nos envases, as empresas impulsan e financian o correcto tratamento dos envases que poñen no mercado, tal e como marca a lexislación española.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)