Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Entre o estancamento e a esperanza



REDACCIÓN · PUBLICADO O 18 DE MAIO DE 2020 · (0)



Así están os traballadores e traballadoras do mar e o marisqueo galegos. Na ría de Pontevedra durante este tempo en Marín e Portonovo continuaron saíndo ao mar, mentres en Campelo e Bueu o freo do marisqueo provocou maior impacto.


“Cómpre empezar a traballar aos poucos para saber onde fallamos e como responde o mercado; darlle algo do que temos e non deixar que se nos escape. Hai que pensar no sector e non esperar a empezar todos ao mesmo tempo”. Para Mª del Carmen Vázquez, a patroa maior de Lourizán, é necesario volver ao marisqueo nun contexto de “cambio bestial” e de moita inestabilidade para as confrarías. “Este ano vai ser peor ca crise de 2014”.

O GALP Ría de Pontevedra contactou con varios representantes do sector da súa área de influencia: a presidenta da Cooperativa do Mar San Miguel de Marín, Beatriz Vázquez Piedras; a patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez; o secretario da confraría de Bueu, José Barreiro; e o patrón maior de Portonovo, Juan José Besada.

Na ría as prazas de abastos comezan a recuperar o movemento e, nalgúns casos, a superalo, tal e como apunta o patrón maior de Portonovo. “A xente estase acostumando a mercar máis peixe de proximidade. Por sorte, agora hai máis persoas na praza que fai seis meses e isto anima moito aos peixeiros. A ver se isto continúa e non nos quedamos nos supermercados e nos conxelados” Eles e elas fan este resumo.

Prezos e o volume de capturas

 “Os prezos compórtanse como un fío de serra, é un sube e baixa continuo. É certo que non soben moito porque non é unha época de prezos moi excesivos, pero cando baixan, baixan bastante. O do peixe fino, como o linguado, é moi barato”, expón a presidenta da Cooperativa Mar San Miguel de Marín, Beatriz Vázquez Piedras. Unha caída dos prezos que os demais representantes tamén constataron ao inicio da pandemia e que segue a manterse para algunhas especies que, polo seu tamaño e elevado prezo, son absorbidas en maior proporción pola restauración. “O prezo do polbo grande baixou moito porque os particulares non o queren e, ao estar os restaurantes e a exportación pechados, queda para a refrixeración. De feito, estamos vendendo máis caro o polbo pequeno ca o grande, que pegou unha baixada de case dous euros por quilo”, apunta o secretario da confraría de Bueu, José Barreiro.

Outra das cuestións que máis preocupa ao sector é o presente e futuro do marisqueo. “A situación é practicamente igual ao comezo do estado de alarma. O 90% das vendas da lonxa proceden do marisqueo e non vendemos unha ameixa desde o 13 de marzo, polo que tivemos que solicitar as axudas pola baixada da produtividade”, indica a patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez. Isto supón a paralización case total da lonxa de Campelo que ve limitadas as súas vendas ao choco e a algunha peza solta como o lumbrigante ou centola.

Na lonxa de Bueu, as capturas tamén experimentaron un importante descenso, dado o paro da navalla, o percebe ou a ameixa pola falta da demanda. “No primeiro cuadrimestre deste ano falamos dunhas perdas de 250.000 euros, ou sexa, unha media de 60.000 euros ao mes en vendas. Tendo en conta que o mes de xaneiro e febreiro foron normais, con mal tempo, pero normais, é un descenso moi importante”, indica Barreiro. A faneca, a carioca, a maragota, o pinto ou o polbo son algunhas das especies que ofertan agora mesmo. Pola súa banda, as lonxas de Portonovo e Marín seguen a traballar coas mesmas especies que adoitaban facelo por esta época do ano, sen rexistrar un gran descenso do volume de capturas. No primeiro caso, poderiamos falar de capturas de xurelo, sardiña ou raia, e no segundo, de xouba, choco, faneca ou rabada. “Estamos ao 80%, xa que algúns barcos non están indo ao mar, como é habitual nesta época do ano”, comenta o patrón maior de Portonovo, Juan José Besada. Sobre a evolución dos prezos, observa que, pasado o primeiro mes, estes repuntaron e agora xa “tenden a estabilizarse”.

No caso de Marín, en palabras da presidenta da cooperativa San Miguel, “nunca se pechou a venda, os barcos seguen entrando igual. Incluso algúns veñen derivados de Vigo, que está un pouco máis capado”.

O novo protocolo de hixiene

Todas as lonxas aplican as novas normas de hixiene para loitar contra a Covid 19, converténdose o uso de máscaras e guantes, e a desinfección constante nunha rutina máis “Xa de antes se limpaban diariamente todos os mecanismos con disolucións de lixivia; por iso, cando empezou todo isto, nós xa o estabamos facendo. A xente asúmeo e toma responsabilidade. A seguridade é máxima”, informa Besada. Unha lonxa, a de Portonovo, que, ao igual que ás demais, tivo que suspender as visitas de veciños e turistas para asistir ás poxas. “É certo que ao principio houbo falta de máscaras e á xente custoulle un pouco adaptarse ás esixencias do protocolo. Agora, xa entran con elas e cos aguantes e intentan manter a distancia entre os compradores. Tamén o peixe está máis esparexido para evitar aglomeracións”, comenta Beatriz Vázquez sobre estas normas que “veñen para quedar”. “Os guantes son necesarios e as máscaras, igual son un pouco incómodas, pero tampouco estás tusindo enriba do peixe. Tampouco é algo tan descabellado”.

Desde Campelo, a acollida tamén foi boa, segundo informa a patroa maior de Lourizán, que dá conta da instalación de paneis de metacrilato nas oficinas para evitar o contacto. Neste sentido, considera imprescindible reactivar o marisqueo para ver como se acomodan as novas esixencias á súa actividade, “probar a seguridade dos controis” e facer, de seren necesarios, os correspondentes axustes para desenvolver o seu traballo con todas as garantías de hixiene e seguridade. Para o secretario da confraría de Bueu, o novo protocolo consistiu nunha “adaptación dentro normalidade”; incidindo en que “o fundamental é gardar a distancia de seguridade e lavar as mans”.

O consumo

Segundo a Análise de consumo alimentario do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, correspondente á semana 18 de 2020 (do 27 de abril ao 3 de maio), o consumo de peixe situouse por riba da media, tanto no peixe fresco, que aumentou un 33%, como no conxelado, que medrou un 40,9%. Unha suba da demanda que vai acompañada pola progresiva reincorporación dos compradores ás poxas Con todo, a caída dos prezos do peixe en orixe seguen sen plasmarse no que pagan os consumidores por eles. “Chegan ao consumidor final como se fosen a un prezo normal e a realidade non é esa”, lembra a presidenta da cooperativa San Miguel.

Pouco a pouco as prazas de abastos comezan a recuperar o movemento, o patrón maior de Portonovo achaca este aumento de afluencia ao tempo que destina agora a cidadanía á compra ao non poder desenvolver plenamente outras actividades. “Antes andabamos todos ás carreiras, collías o primeiro que atopabas e adeus”.

En canto á restauración, a entrada na fase unha non provocou un aumento da demanda por esa vía. “É unha compra normal, contida, non moi esaxerada. O normal para esta época. Agora comezarían os restaurantes a mercar peixe máis fino pero, polo momento, aínda non é así”, explica Beatriz Vázquez desde Marín. Unha visión compartida por Barreiro, desde Bueu: “Eu creo que ata que se entre nunha fase na que poidas compatibilizar terraza con interior, aínda que sexa ao 50%, non alcanzaremos un alivio. Ademais, os mercados importantes como son os de Madrid ou Barcelona seguen pechados”.

E é que a apertura do canal Horeca xoga un papel moi importante na recuperación do sector, particularmente do marisqueo. “A hostalaría é o principal cliente”, afirma rotunda a patroa maior de Lourizán mentres mostra a súa preocupación polo impacto que poida ter o tardío despegue do turismo na actividade. “Para a navalla, o percebe, a ameixa ou un rodaballo grande se a demanda do canal Horeca está pechada mal imos”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)