Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Que quero ser de maior?



REDACCIÓN · PUBLICADO O 22 DE MAIO DE 2020 · (0)



O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) publica unha guía para animar as rapazas a estudar carreiras relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía. En total o documento inclúe 37 titulacións coas súas principais saídas profesionais.


A veces non é fácil descubrir a que nos queremos dedicar ou identificar o potencial que está dentro de cada unha de nós. Por iso, é importante coñecer as opcións que nos presentan as diferentes disciplinas de estudo e ter ben presente que non existen traballos de homes e traballos de mulleres, nin fáciles ou difíciles”. Así se indica na guía que mostra moitas das posibles opcións profesionais que hai nos eidos da Ciencia e a Tecnoloxía.

O obxectivo deste proxecto, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ou tamén denominado co seu equivalente en inglés como STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

Na guía ilustrada recóllense algúns exemplos de estudos científicos e tecnolóxicos e as súas posibles saídas profesionais. Desde Tecnópole consideran que “os parques científicos e tecnolóxicos podemos contribuír en gran medida ao aumento da presenza feminina en carreiras STEM. A promoción das vocacións científicas e tecnolóxicas é unha das actividades pola que máis estamos a apostar nos últimos anos, sobre todo polo impacto que estas poden ter no desenvolvemento dun sistema de innovación competitivo, para o cal, é indispensable contar co 100 % da sociedade”.

Titulacións

En total móstranse as saídas profesionais de 37 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual.

No campo da Arquitectura e Enxeñería destácanse: Arquitectura; Camiños, Canles e Portos; Minas; Montes; Agronomía; Topografía; Xeodesia e Cartografía; Automática e Electrónica Industrial; Telecomunicacións; Imaxe e Son; Naval; Aeronáutica; Industrial; Química; Reciclaxe e Informática.

No eido das Ciencias da Saúde abórdanse as titulacións de: Enfermería, Farmacia, Fisioterapia, Medicina, Logopedia, Odontoloxía, Veterinaria, Podoloxía, Nutrición e Ciencias dos Alimentos, e Biotecnoloxía e Xenética. E no campo das Ciencias: Matemáticas, Estatística, Bioloxía, Bioquímica, Xeoloxía, Ciencias Ambientais, Antropoloxía, Oceanografía, Física, Química, xunto a Óptica e Optometría.

Curiosidades

Pero tamén se amosan unha serie de curiosidades para os máis novos como que unha persoa pode ter dous tipos distintos de ADN porque durante o embarazo os xemelgos poden intercambiar células entre si ou que a montaña máis alta da Terra é o volcán Mauna Kea, de máis de 10.000 metros de altura, situado na illa de Hawai. Ou que o primeiro robot humanoide da historia, chamado Elektro, se exhibiu no ano 1939. Tiña unha altura de 2,10 metros e 120 quilos de peso, podía ver e distinguir cores grazas a unhas células fotoeléctricas e era capaz de moverse. Andaba cara adiante e cara atrás, levantaba os brazos, contaba cos dedos, cantaba, pronunciaba máis de setecentas palabras, inchaba globos e ata fumaba.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)