Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O metal galego podería pechar sen perdas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 19 DE XUñO DE 2020 · (0)



Malia o forte impacto que sufriu esta importante industria estes meses, desde Asime confían en que  vivirán "unha recuperación paulatina que nos permita pechar o ano polo menos sen perdas, aínda que sexa sen o crecemento que esperabamos" dixeron os empresarios esta mañá na reunión da Xunta Directiva na sede viguesa.


As empresas do sector, que representan o 38% do emprego industrial de Galicia, están actualmente executando pedidos e contratos pechados antes da chegada da crise sanitaria. “Por iso a caída da actividade non é tan destacada salvo na automoción e a aeronáutica, pero as empresas manifestan  incerteza ante o que sucederá en 2021, período para o cal haberá que conseguir novos contratos”. Justo Sierra, Presidente de Asime, dixo que “ agora é máis necesaria ca nunca unha folla clara por parte de todas as administracións para apoiar ao sector. Os gobernos estatal e autonómico deben ser valentes e contundentes nas medidas". 

"Están a facelo outros países máis avanzados industrialmente como Francia ou Alemaña, con axudas millonarias a actividades como a automoción e con marcos adecuados para as industrias electrointensivas. Non podemos queda atrás ou perderemos a nosa vantaxe competitiva. Non esquezamos que o sector metal galego é a espiña dorsal da nosa industria, achegando o 20 % do produto interior bruto e máis de 67.000 empregos”, dixo Sierra.

Enrique  Mallón, Secretario Xeral de Asime, lembrou esta mañá que a patronal do metal estivo acompañando e asesorando a todas as súas empresas desde o inicio desta crise, achegando EPIs nos momentos de máis escaseza e reforzando a oferta virtual de sesións informativas e formacións. “Seguiremos acompañándoas nestes momentos e analizando de preto a súa situación e necesidades, para o que estamos a realizar unha nova enquisa sobre a evolución da crise no sector cuxos resultados faremos públicos a final de mes”.

As portas abertas

A recuperación da actividade económica, a continuación paulatina do comercio exterior e a potenciación da eólica mariña son as oportunidades que hai na mesa. Nos próximos meses Asime prevé renovar a súa actividade internacional, asistindo con representacións empresariais a feiras referentes como Posidonia en Grecia,  Windenergy en Hamburgo ou Hannover Messe xa en 2021, coas que esperan contribuír á reactivación do sector, que o pasado exercicio alcanzou máis de 8.000 millóns de euros en exportacións.

Tamén falouse da relevancia da enerxía eólica mariña, actividade que vén fomentando desde o Galician Offshore International Energy Group (Asime- GOE) desde 2013, con 40 empresas asociadas. “Para Galicia as renovables supoñen o futuro máis sólido, máis estable e con maior valor engadido, e contamos coa cadea de valor necesaria para impulsalas. Pola situación xeográfica e polo enorme know-how que temos da industria naval-marítima e metalmecánica, ten na eólica mariña unha oportunidade incomparable que debemos explotar”.

Alcoa e o automóbil

“Urximos unha solución que debe pasar pola aprobación inminente do estatuto  electrointensivo, non se pode esperar máis, estamos a xogar coa viabilidade do noso tecido produtivo”, denuncia Asime con respecto ao peche da industria de aluminio. “O goberno central e autonómico deben traballar na procura dun investidor para esas instalacións, á vez que esiximos que os propietarios de Alcoa faciliten unha saída para que non se perda esa capacidade produtiva do metal galego”.

No que respecta a a automoción, os membros da Xunta Directiva expresaron preocupación sobre as condicións que Bruxelas poida impoñer á fusión PSA-Fiat Chrysler no referente á súa posición dominante no mercado das furgonetas, que representa máis do 50% da produción de PSA-Vigo. “Permaneceremos moi atentos á resolución, confiamos en que non se prexudique esta fusión que é sen dúbida de gran beneficio para o sector da automoción. De tódolos, a planta de PSA en Vigo é tremendamente competitiva e confiamos en que os axustes derivados desa posible decisión non afectasen á capacidade da planta senón a unha reorganización da presenza en diversos mercados”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)