Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Clúster Turismo de Galicia reivindica o Bono Solidario para impulsar o consumo interno



REDACCIÓN · PUBLICADO O 23 DE XUñO DE 2020 · (0)



A iniciativa xa foi recollida no Plan de Reactivación a proposta do sector turístico galego e comezaría a funcionar a mediados do próximo mes, unha vez que se adxudiquen aos beneficiarios e se recopilen os paquetes e as ofertas turísticas que se adhiran á iniciativa.


Representantes do sector turístico galego, encabezados polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, mantiveron onte un encontro coa Consellería de Cultura e Turismo, co obxectivo de trasladar á Administración pública a idoneidade de poñer en marcha medidas que permitan a reactivación do sector turístico de forma inmediata, como poden ser os bonos directos. Así, Pardal valoraba de forma positiva a posta en marcha de accións como o Bono Solidario, xa que permiten incentivar a demanda no sector de forma inmediata.

“Dende o sector nos parece unha medida esencial en canto que nos permite favorecer o consumo interno. A nosa intención é ser capaces de recuperar o antes posible a normalidade e que as nosas empresas e traballadores poidan volver traballar”, explicou o presidente do CTG tras o encontro cos representantes da consellería no que tamén participaron representantes de hoteis, axencias de viaxes e turoperadores. Neste sentido, Pardal lembrou que a medida fora demanda polo conxunto do sector como unha ferramenta de reactivación e como tal se incluíra no Plan de Reactivación presentado pola Xunta e desenvolvido en cooperación co sector turístico galego.

Cómpre destacar tamén que o Bono Solidario que agora se pon en marcha segue a estela de iniciativas similares presentadas noutras comunidades autónomas e outros países co obxectivo de incentivar o consumo propio e animar o turismo nacional, tal e como fixeron xa territorios como a Comunidade Valenciana, Málaga ou países como Malta ou Italia.

Adhesión por parte das empresas

As empresas turísticas galegas que desexen adherirse á iniciativa do Bono Solidario deberán solicitar a súa adhesión ao programa a través dun formulario que habilitará a Xunta. Ademais, poderán recibir asesoramento por parte da Administración autonómica e do Clúster de Turismo de Galicia sobre as dúbidas que presenten relacionadas coa operativa. Do mesmo modo, os beneficiarios contarán cun teléfono de soporte no que se proporcionará información sobre a iniciativa e axuda en caso de perda ou roubo. O bono, dotado con cinco millóns de euros, beneficiaría a 20.000 persoas a través de descontos por valor de 250 euros en produtos turísticos como paquetes vacacionais ou estancias en hoteis, que se cargarían na tarxeta do beneficiario.

Pardal lembrou que esta medida se completa cos descontos que o propio sector fai sobre os produtos contratados, dun 15% como mínimo, que se engaden así á cantidade achegada pola Xunta. O obxectivo final é conseguir mobilizar a unha parte da sociedade galega a que goce dunhas vacacións este verán, inxectando liquidez de forma inmediata nun sector moi afectado pola crise da COVID-19, que vive con inquietude o avance dunha tempada alta marcada pola incerteza e a lenta saída cara a nova realidade.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)