Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os gandeiros galegos deixaron de ingresar 2.400 euros por vaca polas prácticas do cártel lácteo



REDACCIÓN · PUBLICADO O 25 DE XUñO DE 2020 · (0)



Esta cifra extráese dun informe realizado polo bufete Caruncho, Tomé & Judel. Segundo denuncian, o cártel do leite é responsable directo do peche de centenares de explotacións gandeiras en Galicia.


As reclamaciónes dos gandeiros galegos ao chamado “cártel lácteo” ascenderán a centenares de millóns de euros por todos os anos nos que as empresas realizaron as prácticas ilegais. De acordo coa sanción da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), a reclamación dos gandeiros pódese estender ás entregas de leite realizadas durante os anos comprendidos entre 2000 e 2013 ás empresas sancionadas –Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (Aelga), Calidad Pascual, Central Lechera de Galicia (Celega), Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), Danone, Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña (GIL), Grupo Lactalis Iberia, Nestlé España, Industrias Lácteas de Granada (Puleva) e Schreiber Food España–.

A práctica totalidade das explotacións gandeiras galegas ha sido afectada por estas prácticas, xa que o sector lácteo galego está operado por catro grandes industrias: Leche Río, Leche Celta, Feiraco e Lactalis. Segundo sinala o bufete de avogados, todas elas foron expedientadas, pero no caso das tres primeiras, as súas infraccións xa prescribiron, polo que só poderán reclamar ao amparo da resolución sancionadora os gandeiros que traballan con Lactalis. Esta compañía recollía en Galicia de maneira diaria un total de 1,5 millóns de litros de leite, máis de 540 millóns de litros ao ano.

O informe pericial elaborado por Caruncho, Tomé & Judel ten en conta os principais aspectos nos que se basea a sanción da CNMC e os modelos económicos de cálculo que lle permiten obter unha cuantificación individualizada do importe a reclamar por cada gandeiro ás empresas lácteas pertencentes ao cártel. Galicia é a comunidade máis afectada en España polas prácticas do cártel do leite, xa que é a oitava rexión láctea a nivel europeo, concentra o 55% das explotacións lácteas de España e produce preto da metade do leite, pero as súas granxas son as que menos cobran.

“Das 32.000 explotacións gandeiras que había no ano 2000 pasamos ás 6.000 actuais. O cártel lácteo foi responsable directo do peche de moitas destas explotacións polas súas prácticas abusivas. Converteron ao sector nun negocio insostible mentres as empresas se enriquecían”, sinala Ignacio Caruncho, socio director de Caruncho, Tomé & Judel Abogados. Segundo explica, poden reclamar todas as explotacións gandeiras, tanto as que manteñen a súa actividade como as que pecharon nos últimos anos. Son miles de explotacións e decenas de miles o número de vacas afectadas. Se multiplicamos os importes por cada vaca e por cada ano, estamos falando de centos de millóns de euros que poden ser reclamados.

O cártel lácteo 

O despacho de avogados coruñés indica que as prácticas anticompetitivas levadas a cabo polas empresas lácteas antes citadas consistiron no intercambio de información sensible, a nivel nacional e rexional, sobre os prezos de compra de leite cru de vaca e sobre os volumes de compra de gandeiros e excedentes do leite.

Os produtores afectados sospeitaron da existencia dalgúns acordos entre as industrias compradoras, dados os obstáculos á hora de cambiar de comprador. A información que resulta do expediente tramitado por Competencia indica a existencia dunha estratexia de acordo de prezos de compra do leite cru por parte das empresas transformadoras que se basea no liderado de prezos. As empresas evitan competir en prezos entre si, e seguen a un líder que é quen impón o prezo. Este prezo mantense resultando beneficioso para todas as empresas transformadoras e prexudica notablemente aos gandeiros. Estes prezos fíxanse mediante un sistema rotatorio que dificulta a detección da práctica, pois nunca é o mesmo comprador quen establece o prezo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)