Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O cese de operacións en Meirama abre novas oportunidades para a zona



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE XUñO DE 2020 · (0)



Sete centrais de carbón, entre elas a que ten Naturgy no municipio coruñés de Cerceda, deixan de operar hoxe en España, ao rematar o período de vixencia do Plan Nacional Transitorio (PNT). Con este paso iníciase un proceso que debe consolidarse económica e socialmente neste país.


Para o Instituto Internacional de Derecho y Medio Ambiente (Iidma), é significativo que nesta data, na que remata o período de vixencia del Plan Nacional Transitorio (PNT), mecanismo de excepción recollido na Directiva de Emisións Industriais da Unión Europea, España sexa o país no que máis centrais de carbón deixan de operar. A rapidez coa que se desenvolveu este proceso nos últimos anos, impulsado polo marco normativo e a realidade do mercado enerxético que fai inviable o carbón no mundo, amosa a necesidade dun peche total das centrais térmicas, algo que é posible.

As sete plantas que cesan a súa operación son Compostilla II (en León) e Andorra (en Teruel), ambas propiedade de Endesa; Velilla (Palencia), de Iberdrola; Narcea (Asturias), La Robla (León) e Meirama (A Coruña), de Naturgy, e Puente Nuevo (Córdoba) de Viesgo. Iberdrola tamén solicitou o peche da central de Lada (Asturias). Non obstante, ao non contar aínda coa autorización de peche do Goberno, aínda que deixe de operar tamén a partir de hoxe, poderá seguir dispoñible ata contar con esa autorización, dado que conta coas técnicas necesarias para poder operar cumprindo cos límites de emisión da normativa europea.

Estas oito centrais suman unha capacidade de 5,16 GW e, segundo o informe Last Gasp, publicado en 2018, estímase que en 2016 foron responsables de 349 mortes prematuras, 259 casos de bronquitis crónica e 287 ingresos hospitalarios, que levaron asociados uns custos á saúde de entre 0,5 e un millón de euros en toda Europa. Unha vez que pechen todas estas centrais, a capacidade de carbón de España se reducirá a 4,7 GW.

A pesar do gran número de centrais que deixan de operar hoxe, este proceso fíxose sen un calendario oficial de peche –algo co que si contaron outros países europeos–. Non obstante, a aplicación da normativa europea, foi clave neste caso, amosando unha vez máis a importancia da aplicación do dereito para avanzar cara a descarbonización e a loita contra o cambio climático. Neste sentido, Iidma expresa a súa convicción de que debe ser o apego ás leis e acordos o que debe permitir que os Convenios de Transición Xusta que se están formalizando entre Goberno, empresas e sindicatos permitan non deixar a ninguén atrás, evitar que as plantas volvan ser axentes contaminantes e procurar que as zonas afectadas polos peches xeren novos proxectos que se traduzan en empregos e desenvolvemento sostible.

Meirama

A planta de Meirama, na provincia da Coruña e de 580 MW, é propiedade de Naturgy. Na súa recente Xunta Xeral de Accionistas, a eléctrica referiu que buscaría alternativas para o futuro da planta. En Galicia, a única central de carbón que se mantén é As Pontes, propiedade de Endesa, que pechará despois deste ano.

De acordo co informe “Un escuro panorama: as secuelas do carbón” de Iidma, a operación das plantas de carbón en España relaciónanse con 1.529 mortes prematuras e 914 hospitalizacións por enfermidades cardiovasculares e respiratorias entre os anos de 2015 e 2016. As elevadas perdas económicas asociadas aos impactos sobre a saúde da quema do carbón entre 2015 e 2016 acadaron un total de entre 1.871 e 3.568 millóns de euros. Estes custos pódense asociar a gastos sanitarios e á redución de produtividade derivada do absentismo laboral: 371.552 días de traballo perdido e 1.350.401 días de actividade restrinxida (cando unha persoa non pode desenvolver a súa actividade habitual por problemas de saúde).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)