Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Máis de 50 empresas participan nas sesións de autodiagnóstico exportador da CEO



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE XULLO DE 2020 · (0)



Compañías de toda Galicia e do Norte de Portugal asisten ás xornadas de fomento da capacidade exportadora organizadas pola patronal ourensá, cuxa primeira parte se dividiu en dúas sesións debido ao enorme interese das empresas en participar, o que duplicou as espectativas da organización.


Onte celebrouse, de maneira telemática, a primeira das dúas sesións nas que se dividiu esta xornada debido ao elevado número de empresas interesadas. Máis de 50 pemes da eurorrexión, incluídas firmas portuguesas, anotáronse para coñecer o seu potencial exportador, buscar mercados exteriores ou consolidar a súa internacionalización, segundo o grao de madurez das súas exportacións e do seu coñecemento do terreo.

O autodiagnóstico realizado onte baixo a titoría de Jesús Albizu servirá tanto para iniciar ás empresas que aínda non exportan ou o fan ocasionalmente e non consolidaron aínda a súa presenza en mercados exteriores, como para aquelas que xa realizan vendas no estranxeiro. Pensada inicialmente para desenvolverse nunha soa xornada, a CEO convocou finalmente unha segunda sesión para mañá, debido ao elevado número de empresas inscritas, co fin de facilitar a interacción entre elas e o condutor da xornada. As empresas participantes pertencen a moi diversos sectores e actividades, que van dende o agroalimentario (viños, froitas e verduras, cárnicos, patés…), ata a industria e artesanía téxtil, a cosmética, a loxística, ou as tecnoloxías da información e a comunicación.

Na benvida e presentación da xornada, Marisol Novoa, presidenta da CEO, destacou a oportunidade do momento para fortalecer a exportación e que esta se convirta nun estímulo para relanzar a economía, ao igual que sucedeu na anterior crise financeira. Ademais, fixo fincapé na enorme acollida por parte dos participantes e na “consolidada experiencia da confederación na celebración de accións para fomentar a capacidade exportadora das pemes, a través de programas europeos como o Ecicii Plus”, que sustenta esta convocatoria.

Pola súa banda, Albizu Soriano, experto en programas de internacionalización con ampla e recoñecida experiencia en mercados de todo o mundo, guiou aos participantes a través dun formulario para obter o autodiagnóstico necesario para coñecer a viabilidade exportadora de cada empresa. Explicou nun primeiro momento os elementos do autodiagnóstico, que logo desenvolveu para que cada participante puidese ir cubrindo o formulario que dará lugar á análise final. Segundo o experto, o autodiagnóstico mide a capacidade real de saír ao exterior a través de factores críticos de exportación como a situación da empresa, o produto, o equipo humano e o sector ou mercado. Do mesmo modo, tamén axuda a establecer os camiños preferentes e determina se a situación de partida é favorable ou desfavorable, fácil ou complexa, rápida ou lenta.

Factores críticos

Os denominados factores críticos de exportación divídense en dous eixos: o interno (empresa e equipo humano) e o externo (produto e situación de mercado/sector). Cada un destes factores medirase tendo en conta cinco elementos. Por exemplo, no caso da empresa: a motivación comercial ou produtiva, a experiencia na xestión, os recursos dispoñibles, a capacidade operativa internacional, e a claridade e coincidencia estratéxica. No equipo humano teranse en conta a motivación do persoal e espectativas, o acceso á información, a cultura de cambio, a capacidade de flexibilidade e cooperación, e a capacidade de implicación do equipo directivo.

Desta maneira, e atendendo a todos os compoñentes do autodiagnóstico, Albizu e os participantes foron desbullnando todos os elementos para chegar a un formulario definitorio de cada situación e cada empresa, que máis adiante se analizará en entrevistas individualizadas. Estas entrevistas, que tamén desbordaron as espectativas da organización, realizaranse mediante cita previa a partir da primeira semana de setembro. Nelas, cada empresa interesada recibirá, tendo en conta o resultado e a análise do autodiagnóstico, as recomendacións necesarias e os pasos suxeridos para iniciar ou consolidar a exportación da súa empresa, en definitiva, as alternativas coas que cada empresa pode abordar este proceso de internacionalización.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)