Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A “silver economy” nova oportunidade de negocio para a empresa galega



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE XULLO DE 2020 · (0)



Na edición deste ano do informe anual “Ardán Galicia 2020” hai un monográfico especial a un sector que engloba o conxunto das actividades económicas dirixidas a satisfacer as necesidades dos maiores de 65 anos que nunca tanto tiveron maior relevancia.


Para ben e para mal, este futuro demográfico xa está en Galicia polo que o noso territorio pode ser un “laboratorio de aprendizaxe anticipada” para as empresas que poden conseguir unha vantaxe competitiva e experiencia na provisión de bens e servizos para maiores o que lles permitirá expandirse no futuro a outras zonas. 

Como explicou o delegado de Zona Franca Vigo David Regades na presentación desta mañá das contas anuais do exercicio 2018 de 35.168 empresas, a facturación alcanzada foi de 104.500 millóns de euros. “Vigo e a súa comarca presenta valores medios na produtividade do emprego un 5% maior que a media galega, o que se traduce nun diferencial de 1.500€ por empregado e ano” apuntou Regades. Esta cifra recolle un récord histórico para os datos de Galicia xa que a súa capacidade de creación de riqueza foi dun 80% maior sobre a que se produciu no ano 2009, o peor ano da crise e os postos de traballo directos asignados a estas empresas foi de 404.000 persoas, un 4% máis que o ano anterior.

Aínda que como vén sendo habitual o Téxtil, confección e moda representou o 40,95% do Valor engadido bruto xerado na nosa comunidade, os datos das empresas de Vigo e a súa área de influencia en todos os parámetros estudados representan mellores valores comparados coa media galega destacando os diferenciais en creación de emprego que, no último ano, rexistraron un crecemento do 5,6%, case dous puntos porcentuais por encima da media de Galicia.  “Haberá que ver na próxima edición como a crise sanitaria na que estamos inmersos afectará ao resultados” pero -engadiu- “gustaríame salientar que esta crise chegou a Galicia nunha situación de récord en facturacións e creación de valor e aínda que haberá sectores afectados e con perdas, tamén se abrirán oportunidades novas para outros”. 

O mundo senior

O estudo publicado fai un exhaustivo percorrido por todas as posibilidades que abre esta actividade para as empresas na nosa comunidade autónoma xa que a poboación maior de 65 anos vai ter un maior peso no futuro en todos os países desenvolvidos e espérase que, ademais, teña gran capacidade económica, bo estado de saúde e tempo, polo que se converterá nun segmento de mercado “atractivo” para o sector empresarial.

O Estado e as Administracións públicas teñen varios retos referidos á Silver Economy como é facilitar a incorporación da empresa galega a este novo mercado, adaptar as infraestruturas para maiores (normativas sobre edificios, cidades, automóbiles autónomos), regular e supervisar as dotacións residenciais e sanitarias e soster a provisión de recursos económicos (pensións e transferencias complementarias) para soster o sistema de pensións.

As galegas que obteñen mellores resultados

Este ano detectáronse 1.625 empresas con algún dos 9 indicadores ARDÁN: Alto rendemento, Alta produtividade,  Gacela, Ben Xestionada, Xeradora de Riqueza, Empresa Global, Empresa Circular, Empresa Igual en Xénero e Empresa Innovadora o que supón que das 35.000 empresas analizadas só un 5% alcanza os criterios para obter algún indicador de boas prácticas empresariais. A partir de hoxe todo o informe completo está dispoñible para a súa consulta e descarga de forma gratuíta na web ardan.es.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)