Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Compostela en Marcha apraza as súas actividades



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)



O ciclo continuará a súa programación unha vez que se levanten as novas restricións sanitarias, unhas medidas preventivas publicadas pola Consellería de Sanidade, que a asociación Hostalaría Compostela considera que poñen ao límite ao sector.


Esta semana estaban previstas proxeccións de “Cine Libre”, “Sesións Vermú” e “Seráns-Tardeo”, que se retomarán unha vez que se levanten as restricións en Santiago. Tampouco se celebrará o ciclo “Vai de Viños”, que continuaba esta semana pola zona do Distrito de Altamira e rúas lindeiras. Unha vez que se retome a programación, irase actualizando nas páxinas web compostelaenmarcha.santiagohosteleria.net e barespubsdiscotecas.com/compostela-en-marcha, así como nas páxinas de Compostela en Marcha en Facebook e Instagram.

Por outra banda Hostalaría Compostela lamenta profundamente esas novas restricións, que implican, entre outras cousas, a redución ao 50% da capacidade tanto no interior como no exterior dos locais de hostalaría e a prohibición de consumir nas barras. “A nosa entidade considera que a saúde debe ser a prioridade, pero o sector –que supón o 20% do PIB galego– está ao límite da súa capacidade de resistencia”, sinala a asociación nun comunicado emitido onte.

Neste sentido, a xunta directiva considera que estas imposicións se fan sen que lles dean ningunha alternativa para a supervivencia dos seus negocios”, e subliña que todas as restricións que se veñen impoñendo ao sector desde o inicio da pandemia non están servindo para conter o virus e que a maioría dos gromos se están producindo noutros establecementos ou en reunións familiares e/ou sociais de carácter privado.

Os hostaleiros cren necesario lograr un equilibrio entre a seguridade sanitaria e a viabilidade económica dun dos sectores máis castigados por esta crise. En Santiago son numerosos os establecementos que non chegaron a abrir desde a declaración do estado de alarma ou que están a piques de pechar definitivamente, con centos de traballadores que continúan en ERTE e con incontables empresas relacionadas coa hostalaría (distribuidores, provedores...) que tamén están gravemente prexudicados.

Así as cousas, Hostalaría Compostela opina que os esforzos deberían centrarse nas medidas preventivas de probas PCR e no labor dos rastrexadores como máximo garante da contención do virus. Os hostaleiros fan, ademais, de novo un chamamento á responsabilidade individual.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)