Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os consellos do Cpeig ante a volta ao cole



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)



Segundo o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, os principais problemas que se adoitan producir ante unha posible formación online son o quecemento da máquina, fallos na conexión de Internet, a pouca duración da batería do portátil, o almacenamento ou as complicacións á hora de enviar arquivos pesados.


Ante o inicio do curso escolar 2020-2021, o Cpeig quere axudar a pais, titores e docentes a facer unha transición máis doada, tendo en conta o gran papel que cumpre a informática nestes tempos de pandemia na educación dos menores, e presumindo que a formación online pode ter unha presenza destacada no contexto actual marcado pola covid-19.

O colexio explica que é importante dispoñer dun equipo informático axeitado para estudantes, pais ou titores e docentes, aínda que todos deben estar preparados para os problemas tecnolóxicos que trae consigo a volta ao cole. Os casos máis frecuentes poden ser problemas coa temperatura do terminal, fallos de conexión wifi, a pouca duración da batería do portátil, o almacenamento do ordenador e os problemas á hora de enviar arquivos pesados. Para evitar o sobrequecemento da máquina, o Cpeig sinala que é preciso manter limpo e libre de obstáculos o sistema de ventilación, detectar que funciona correctamente e entender que programas están mellor ou peor adaptados ás especificacións do seu ordenador.

Por outra banda, moitos usuarios quéixanse de problemas de conexión que fan que a educación a distancia sexa imposible. A pesar de ter contratado un Internet óptimo, o colexio destaca que pode fallar a velocidade de descarga de contidos ou ser moi lenta, ter problemas para acceder a unha páxina web ou realizar videochamadas. “Pódese buscar unha localización mellor na casa que estea máis próximo ao router, usar puntos de acceso ou repetidores, ou recorrer a unha conexión por cable”, destacan os expertos da entidade colexial.

Outro problema é a escasa autonomía do portátil, que se pode resentir por condicionantes como un uso intensivo ou unha inadecuada configuración da xestión de enerxía, un grave problema que lle pode xurdir ao estudante, especialmente se a batería se esgota durante unha clase importante ou un exame. Segundo sinala o Cpeig, uns trucos sinxelos son cambiar a configuración de enerxía do portátil, manter abertos só os programas que se estean usando ou reducir o brillo da pantalla.

Almacenamento

O almacenamento tamén é un cabalo de batalla no que se debe traballar para mellorar o manexo de documentos e arquivos do ordenador e ter espazo libre. Existen solucións que van desde a eliminación de arquivos prescindibles e a desinstalación de aqueles programas aos que non se lles dá un uso frecuente, ata a incorporación dunha unidade de almacenamento externo que poida garantir un espazo extra.

Por último, o Cpeig destaca que moitos pais adoitan queixarse da dificultade para enviar arquivos por email a raíz das limitacións de espazo que moitas plataformas de correo electrónico impoñen á hora de adxuntar elementos. O colexio propón como solución útil recorrer a servizos de almacenamento na nube, con opcións gratuítas como WeTransfer, Dropbox, Google Drive, OneDrive ou iCloud.

Protección de datos

Outro aspecto non menos importante á hora de volver ao cole é a cuestión da privacidade. A entidade colexial ofrece unha serie de consellos para pais, profesores e centros educativos para que fagan un esforzo na protección dos menores. Deben ter un especial coidado coa publicación de fotografías, vídeos ou audios de rapaces, e deben pensar no contido dese arquivo antes de compartilo.

Un punto destacado que se debe ter en conta é a imaxe. Neste sentido, sinala que os familiares que tomen fotografías nun acto do centro educativo, tales como festas, actividades deportivas, funcións de teatro, etc, só poden facer uso delas no seu ámbito persoal e doméstico, e non compartilas nin publicalas en aberto nas redes sociais. Ademais, cando os centros queiran utilizar datos persoais dos alumnos cunha finalidade distinta á educativa, como o uso de imaxes para publicidade ou promoción en redes sociais, deberán informar aos pais ou titores, ou aos propios alumnos se estes son maiores de 14 anos, e solicitarlles o consentimento.

Nesta liña, os centros educativos e profesores deben prestar atención ás novas tecnoloxías que utilizan no desenvolvemento dos seus labores educativos e na súa organización. O Cpeig explica que algunhas apps e servizos na nube poden non proporcionar a seguridade necesaria ou tratar os datos dos menores para crear perfís de aprendizaxe, preferencias ou comportamento. “Os profesores só deben utilizar aplicacións que ofrezan a suficiente seguridade e estean supervisadas polo centro e informar aos pais ou titores. Por iso deben comunicarse preferiblemente co centro educativo a través das plataformas e medios proporcionados”, destaca.

Recomendacións

Tamén o Cpeig elaborou unha listaxe de recomendacións para contribuír a unha sociedade da información na que a cidadanía sexa consciente de todas as oportunidades e riscos que ofrece a Internet:

  • Antivirus. Cómpre actualizar periodicamente o software antivirus e de seguridade. Tamén é necesario configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas.
  • Executables. É preferible non descargar programas executables ou ficheiros que sexan susceptibles de conter “software malicioso”. Protexa o seu equipo con programas de detección e eliminación de “software espía”.
  • Identificadores. O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios debe efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade. Nunca proporcione información sobre os seus identificadores de usuario e moito menos sobre as súas claves de acceso. Sexa especialmente rigoroso en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo.
  • Contrasinais. Manteña, a ser posible, contrasinais distintos para cada web ou servizo que sexan suficientemente longos e difíciles de adiviñar. Procure non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos, que lle resulten fáciles de recordar aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
  • Wifi. Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptible de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. É doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndase usar os últimos protocolos dispoñibles cando sexa posible (WPA/WPA2).
  • Buscadores. Teña en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empregue. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet.
  • Cookies. Borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda a Internet dende un computador ao que teñan acceso outras persoas.
  • Spam. No caso de recibir correos non desexados (spam), non envíe unha resposta, xa que estará confirmando a validez do seu enderezo electrónico. É conveniente desactivar a opción que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes lidas do sistema de correo electrónico
  • E-mail. Cando envíe mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo “Con Copia Oculta (CCO)”. No caso de envíos masivos utilice ‘listaxes de distribución’.
  • Redes sociais. Debe garantir a seguridade da súa información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do seu perfil e empregando contrasinais. Non esqueza que os buscadores poden permitirlle a un terceiro obter a información pública dos perfís.
  • Asistentes de voz intelixentes. Estes novos dispositivos, tan de moda durante 2018, deben ser usados con coidado, xa que conlevan unha serie de riscos de seguridade e privacidade, polo que se suxire ser máis conscientes da necesidade de conservar os datos persoais.
  • Cámaras web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, asegúrese de que a captación sexa o menos intrusiva posible. Así mesmo, debe garantirse a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.


Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)