Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Clúster Alimentario de Galicia celebra o seu X aniversario co Foro Galicia Alimentación 2020



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)



Esta edición será online e contará cunha aplicación a través da que os participantes e expositores poderán interactuar e manter reunións virtuais. A inscrición é gratuíta e pódese realizar xa a través da web www.galiciafoodforum.info.


Nesta quinta edición, que terá lugar o 24 de setembro, o foro analizará aspectos como a innovación e comercialización no ámbito da alimentación, a sostibilidade na cadea de valor, as tendencias globais ou a adaptación da industria ante o escenario postcovid, entre outros, e contará cunha feira de expositores online do eido tecnolóxico.

Como novidade, este ano e de cara a facer máis práctico o encontro, aos relatorios e mesas redondas con expertos e profesionais da industria, sumouse unha aplicación que permitirá interactuar aos asistentes, manter reunións B2B e planificar unha axenda individual de encontros e conferencias de interese. Desta maneira, ademais de asistir ás charlas online, os inscritos poderán establecer contacto directo coas empresas expositoras e os participantes que lles interesen. Trátase de sacar o máximo partido a un encontro profesional que busca estimular a colaboración entre os diferentes elementos da cadea alimentaria na produción, procesamento, distribución, coñecemento e consumo de alimentos, así como xerar ideas innovadoras no sector.

O encontro concluirá coa entrega de galardóns dos VI Premios Galicia Alimentación, que terá carácter presencial na Cidade da Cultura con aforo limitado e se retransmitirá vía Internet. Con eles recoñeceranse e visibilizaranse as mellores prácticas en emprendemento, cooperación, innovación, sostibilidade, marketing e internacionalización do sector.

Récord

De feito, este ano conseguiuse unha cifra récord nos aspirantes: 97 candidaturas de preto de 90 entidades diferentes. É a proba de que, aínda na situación de crise actual, “as empresas seguen dinámicas e innovando”, segundo explica o presidente do Clúster Alimentario de Galicia e director corporativo de I+D e calidade do Grupo Nueva Pescanova, Juan José De la Cerda López.

O presidente de Clusaga sinala que, pese á situación actual, non se podía deixar pasar esta efeméride tan sinalada para o clúster e, por iso, apostouse por este formato online a través do que as empresas e profesionais do sector poderán seguir en contacto e crear sinerxias positivas. A inscrición ao Foro Galicia Alimentación é gratuíta e pódese realizar xa a través da web www.galiciafoodforum.info. Tanto este encontro como os premios lévanse a cabo grazas ao patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)