Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os hostaleiros de Santiago piden medidas urxentes para salvar ao sector da ruína



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)



De non lograrse un consenso coa Xuntae pola gravidade da situación, preparan mobilizacións de protesta como fan os hostaleiros da Coruña, que volven concentrarse na praza de María Pita hoxe polo peche de locais que non poden abrir ata novo aviso. E fan un chamamento para que se unan á causa veciños, provedores, clientes, amigos e familiares e “todo aquel que teña honra".


Os hostaleiros de Santiago piden unha prórroga permanente dos ERTE ata a plena recuperación do sector; axudas directas aos traballadores autónomos que non poden abrir os negocios ou a exención nas cotas de seguridade social e de taxas municipais e autonómicas ata o verán do 2021, así como a redución do IVE ata o 7%.

A presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos  reuníase onte á mañá con deputados do BNG no Parlamento Galego. Á xuntanza tamén asistiron Lucía Vázquez, presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago; Pepe Doré, da Asociación Galega de Salas de Concerto (ClubCultura), e Ángeles González, da Asociación Cultural Cidade Vella. Alí falaron do momento crítico da hospedaxe, o ocio nocturno, os músicos e axentes culturais que integran a hostalaría en Galicia, fundamental para a nosa economía e do que viven, ademais, outras moitas empresas provedoras e distribuidoras. Os representantes das asociacións lamentan que a Xunta estea tomando as decisións de xeito arbitrario e solicitaron colaboración para conseguir un diálogo directo co Goberno galego. Tamén pediron que se estableza unha folla de ruta consensuada con todo o sector que garanta a volta ao traballo dunha forma paulatina, rápida e segura. En canto ao ocio nocturno, demandaron a eliminación, con carácter inmediato, da orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade que obriga a pechar os locais da noite e establece a 1 da madrugada como horario máximo de feche en todos os locais de hostalaría.

O pasado 2 de setembro (a imaxe recolle o momento, captada polos propietarios do local La Barbería) os hostaleiros da cidade veciña coruñesa xa fixeron unha protesta silenciosa contra as restricións da Xunta ás 12:00 horas en María Pita na que demandaban que o lecer nocturno poida abrir tamén ata as 01:00 horas á vez que esixiron a axilización das axudas PRESCO, entre outras demandas, o que repitiron esta mañá. Lamentan que moitos dos seus compañeiros non poidan abrir os seus negocios pero sigan recibindo "as facturas e os pagos", unha situación insostible para todos que "non pode nin debe" continuar no tempo. "Non todos somos grandes empresarios da noite e podemos permitirnos ter pechados os nosos locais ata novo aviso".

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)