Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un día no mar



REDACCIÓN · PUBLICADO O 14 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)



As experiencias de turismo de pesca a bordo dunha embarcación, vivir o marisqueo e coñecer o día a día do cultivo do mexillón son das primeiras que se comercializan en Galicia con éxito, una idea pioneira no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas.


Son 6 proxectos: tres de turismo mariñeiro e tres de pesca turismo: Sauro Martínez Durán de Sanxenxo, José Manuel Agulla Piñeiro e Reveca Gago de Bueu, Francisco Javier Costa García de Cangas, Severino Casal Diz de Redondela, Eduardo Martínez Romero de Vilanova de Arousa e Rosa María Millán Romero da Pobra do Caramiñal.  Todos lanzaron a mostra piloto das súas propostas con moi boa acollida. De feito, as iniciativas de Severino Casal e Rosa María Millán están abertas ao público e funcionando a pleno rendemento.  

No “Mar das Illas” están o GALP Ría de Pontevedra cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo–A Guarda, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia. Antes formáronse preto de 120 profesionais do mar como Guías Acreditados de Turismo Mariñeiro. E foi nestes talleres onde as seis iniciativas atoparon o pulo necesario para saír adiante. Por exemplo, Severino Casal coñeceu ás compañeiras coas que darlle vida a Amarturmar, asociación que a compoñen 12 persoas. Unha idea que lle andaba pola cabeza. “Tiña ganas de ensinar a miña profesión porque parece que non lle damos valor. Cando vivín en Madrid decateime de que a xente valora Galicia, a súa comida, o seu peixe”, explica. Agora as demais promotoras deste proxecto nado nos primeiros meses do 2019 completarán estes obradoiros que lles serven, segundo Casal, para levar á “práctica no traballo e na miña ría de Vigo”.

Coa mesma inquietude de darlle un “empuxón” ao proxecto que tiñan en mente Rosa María Millán e outras seis persoas anotáronse aos cursos. Todas pertencen á Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal e constituíron a asociación Mar da Pobra hai pouco máis dun ano. Sauro Martínez, patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo, comenta que todo comezou grazas aos cursos. Nesta formación atopou ferramentas e pautas que lle permitiron, xunto a súa tripulación, enfocar adecuadamente un proxecto co que pretende visibilizar a pesca artesanal. “Unha vez que o GALP o puxo andar, todo foi máis fácil”, explica. Esa mesma achega de asesoramento foi o que animou a Eduardo Martínez a madurar a idea dunha iniciativa de divulgación sobre o proceso de cultivo do mexillón e “ver se a podía facer realidade”, tamén arroupado pola tripulación. “Os cursos axudáronme a explicarlle á xente as cousas un pouquiño mellor, sen dar por feito cousas que para nós, os mariñeiros, son esenciais. Un conta coa súa intención pero non está preparado para isto”, engade.

Os obradoiros tamén permitiron a José Manuel Agulla e a súa compañeira, Reveca Gago, certificar o potencial que ten Bueu. “Coincidiu que a parte práctica do curso fixémola aquí e mirouse que tiña potencial”, conta Agulla. E Javier Costa coñeceu os cursos pola Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas da cal é patrón maior: “Fixemos varios cursos dese tema, con varios niveis, ata sacar o título”. O seu obxectivo era darlle forma a un proxecto de pesca turismo de pesca sostible con palangre que deseñou xunto a súa muller e o seu fillo.

Os proxectos

“Máis que o económico, o que me interesa é dar a coñecer o laboreo e o esforzo que representa o cultivo do mexillón, non é que vaiamos todos os días á batea e collamos mexillóns e os traiamos para terra, hai moito máis detrás”, explica Eduardo Martínez (na imaxe). Un obxectivo no que coinciden cada un dos promotores cos que conversou o GALP da Ría de Pontevedra. E é que, aínda que nalgúns casos estas novas propostas representen un complemento económico, o primordial é visibilizar as profesións do mar e o que representan para a sociedade desde o punto de vista alimentario, medioambiental e económico. “A idea é potenciar o que é o noso traballo. Lévoos ao peirao onde está atracado o meu barco, explícolles ao que me dedico, como collo as navallas e como as collen, por exemplo, en Holanda, onde dúas empresas explotan toda a navalla. Aquí é moito máis artesanal, collémolas unha a unha”, apunta José Manuel.

Sauro Martínez busca mostrar as características da pesca artesanal e “o valor engadido” que proporciona; ao igual que Francisco Javier Costa, que quere diferenciala “da industrial, sen discriminar a ningunha, deixando que cada unha ocupe o seu lugar”. Para o patrón maior de Cangas é necesario informar sobre este tipo de pesca de “supervivencia”, e lamenta a falta de relevo xeracional e que “a xente viva de costas ao mar”. “Temos que empezar a mirar ao mar, deunos a vida a moitas vilas de Galicia e seguiránola dando”, agrega. “Sentímonos moi orgullosos do traballo que temos, recoñecemos que é moi duro pero eu non o cambio por nada”, di convencida Rosa María Millán. Coa mesma vontade nace o proxecto de Severino Casal: “O que queremos nas nosas rutas é dar a maior información posible”.


Turismo mariñeiro

Nun primeiro momento, José Manuel Agulla, responsable de Bueu, unha vila con alma mariñeira, onte, hoxe e oxalá que sempre; pensara en realizar unha ruta levando pasaxeiros no seu barco e descubríndolles o seu labor na Ría de Pontevedra, pero finalmente decantouse por deseñar unha visita na que difundir a cultura mariñeira da vila. “Ensinareilles Bueu e como era antigamente mediante imaxes históricas, tamén as embarcacións tradicionais, as artes que se utilizaban antes, e de aí pasaremos ao peirao para ver os meus barcos e falarlles da miña experiencia”, explica. O percorrido, que incluirá o paso pola lonxa e a praza de abastos, dura unhas dúas horas e nel poden participar ata 15 persoas. Os outros dous proxectos de turismo mariñeiro ocúpanse do marisqueo a pé e xa levan un tempo funcionando. Estas iniciativas gozan de boa aceptación entre a comunidade educativa e conectan coa xuventude achegándolles as oportunidades de futuro e benestar que ofrece o sector.

“Veñen á praia, onde lles explicamos ecoloxía, sostibilidade, os moluscos, como é a nosa ría. E na última parte, a xente baixa á auga e fáiselle unha demostración práctica dos aparellos e permíteselles andar con eles. Todo o que se recolle nesa demostración volve logo ao mar” conta Rosa María Millán. Desta proposta con selo da Pobra do Caramiñal, na que é posible coñecer mellor á ameixa xapónica, fina e babosa, o berberecho e a navalla poden ir un máximo de 15 persoas por quenda. Ademais dispoñen de cadeiras anfibias. “A xente que se apunta ás visitas está moi interesada. Na primeira visita que fixen, era a unha xente de Madrid, case lle tiven que quitar o rastro da man porque non mo devolvían, estaban encantados!”, rememora Millán. A información sobre as rutas que realizan atópase na páxina web do Concello da Pobra do Caramiñal.

No tocante a Amarturmar, Severino Casal convida a explorar a Enseada de San Simón caracterizada polas súas augas calmas, tanto que “ás veces parece un lago”. “A ruta do marisqueo a pé é coas mariscadoras na enseada, nas praias de Cesantes. Ensinámoslles as especies, a diferenciar os mariscos e invitámolos a coller unha sacha ou un rastro”, apunta. A visita, de noventa minutos de duración, permite ver desde como se extrae o carallote (longueirón vello) ou os poliquetos ata observar as ovas dos chocos e, coa marea baixa, a seba (zostera marina), “o prado mariño”. O número de participantes mínimo para realizar a actividade é dez. Pódese consultar na súa páxina web e no seu perfil Facebook para saber das visitas.

Pesca turismo

Sauro Martínez desde Sanxenxo congratúlase do apoio dos GALP. No seu barco, Playa de Sanxenxo, poden subir ata catro persoas para acompañalo a el e a súa tripulación durante un anaco da súa xornada de pesca. “Coñecerán a pesca coa arte das nasas mentres gozan das paisaxes das Ons, Punta de Cabicastro ou a praia de Montalvo e coñecendo os diferentes tipos de fondos mariños e as especies que neles habitan”. A súa proposta é única na zona.

Xa en Vilanova de Arousa, o mexillón é o protagonista da iniciativa de Eduardo Martínez. A súa embarcación artesanal, o Mar-Pra, coa que realiza unha pesca sostible, pode transportar ata catro visitantes que, durante unhas tres horas, aprenderán sobre o cultivo deste molusco. “A miña intención é explicarlles o proceso desde que se recolle nas rochas a cría, a mexilla, ata a comercialización, os destinos que hai e a etiquetaxe”, explica.

Como terceiro proxecto de pesca turismo está a experiencia de Francico Javier Costa, patrón maior da Confraría San José de Cangas e guía acreditado en Turismo Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG, na que dá a coñecer a pesca artesanal selectiva e sostible con palangrillo, arte coa que obtén peixe do día de gran talla e dunha máxima calidade. Nunha travesía de catro horas de duración ofrece navegar ao pé dos cantís da cara oculta das illas Cíes, descubrindo as furnas e os recunchos menos coñecidos como o illote de Boeiro ou Agüeiro e observando as aves mariñas.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)