Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Cidade das TIC, premio Grandes Proxectos TIC do Cpeig



REDACCIÓN · PUBLICADO O 15 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)



O proxecto, que se situará na antiga Fábrica de Armas da Coruña, está impulsado pola Universidade da Coruña e o Clúster TIC de Galicia e conta co apoio do Goberno central, Xunta, Deputación e Concello da Coruña. O premio entregarase na XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.


Os premios que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia corresponden a dez categorías, nas que os colexiados recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. A gala celebrarase o 30 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

Segundo explica a Xunta de Goberno do Cpeig, esta distinción premia concretamente a iniciativa, pero asegura que é satisfactorio ver como distintas administracións, de distintos ámbitos, se poñen de acordo nun proxecto de país, que demostra a importancia que cobran as TIC nos nosos días. O presidente do Colexio profesional, Fernando Suárez, lembra que xa no seu discurso institucional da Noite de 2019 facía referencia a que “esta unión é a única forma de avanzar, colaborando para ser máis fortes, aproveitando sinerxías e compartindo información e recursos”. Nesta liña, asegura que os enxeñeiros en informática comparten a profesión máis social que existe, porque están obrigados a entenderse con expertos de todos os ámbitos. “Fuximos das actitudes excluíntes doutros colectivos e apostamos pola unión, da que a Noite é referencia e que se ve levada ao seu máximo expoñente neste premio”, destaca.

O presidente do Cpeig subliña que na ecuación da sociedade da información, a tecnoloxía é tan só un compoñente, o outro, e sen dúbida o máis importante, son as persoas, e recalca que o futuro non é un asunto unicamente tecnolóxico, tamén é “cuestión de actitude e de talento”, de curiosidade, de vocación por probalo todo, de inquietude e de ganas de mellorar. Así as cousas, explica que a economía actual se basea principalmente no coñecemento e as ideas, recursos que son renovables e ao alcance de todos. Nese sentido, sinala que na sociedade actual “cantas máis persoas saiban algo, mellor formados e educados estaremos todos e máis produtivos nos volveremos”, o que finalmente será mellor para todos.

Economía do coñecemento

A filosofía da Cidade das TIC céntrase na economía do coñecemento, onde os recursos máis importantes son as persoas e o talento, que podemos educar e atraer ao noso país para crecer máis, crear mellores postos de traballo e unha mellor calidade de vida para todos”, indica Suárez. Este proxecto será un espazo de encontro entre empresas e universidade, de instalación de startups tecnolóxicas e un punto de apoio para o investimento tecnolóxico en Galicia. Trátase dun proxecto ambicioso, sustentado pola puxanza do sector TIC galego e o seu alto crecemento nos últimos anos. A Cidade das TIC pretende converterse nun dos centros neurálxicos da innovación e o negocio tecnolóxico en Galicia, a través dun modelo que permita a todos os axentes implicados compartir experiencias e know-how empresarial das compañías socias e os seus partners, sempre co apoio do ecosistema de investigación da UDC e do sistema universitario galego en xeral, constituíndo un escaparate único para a tecnoloxía made in Galicia.

O pasado 18 de febreiro asinouse a cesión da Fábrica de Armas, situada no barrio coruñés de Pedralonga, entre o Ministerio de Defensa e a UDC. Este convenio permitirá reconverter a Fábrica de Armas nun polo tecnolóxico único en Galicia. E o pasado xoves, 25 de xuño, aprobouse no Consello da Xunta, unha achega de 4,82 millóns de euros ao ao proxecto do primeiro dos edificios da Cidade das TIC, o Centro de Fabricación Avanzada, que entrará en funcionamento nun prazo de dous anos logo de que o Concello da Coruña habilite e urbanice os accesos.

Segundo datos do Clúster TIC, o 55% de todos os empregos xerados polo sector das novas tecnoloxías proceden da provincia da Coruña, e a súa maior parte da área metropolitana da Coruña –A Coruña, Abegondo, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Sada e Oleiros–, onde hai situadas actualmente 505 firmas vinculadas á nova economía, que suman máis de 7.700 empregos e unha facturación conxunta de 1.097.105.597 euros.

Parque empresarial

O proxecto inclúe un parque empresarial, infraestruturas de servizos e investigación compartida e centros tecnolóxicos TIC. Os contidos iniciais da Cidade das TIC pasan pola dinamización da infraestrutura actual dun centro de fabricación avanzada, unha instalación na Fábrica de Armas de 4.000 metros cadrados que reúna servizos de alto valor engadido, que actualmente non están dispoñibles de forma sinxela e accesible a todas as empresas do ecosistema de Galicia, tanto a nivel tecnolóxico como industrial.

Nesta primeira fase, actualmente en definición, crearanse neste centro unha serie de infraestruturas con equipamento propio, denominadas “Labs”, con financiamento da Xunta e baixo a responsabilidade da UDC e o Clúster TIC de Galicia, que darán servizos a todas as empresas demandantes, independentemente do seu sector e tamaño. O centro terá cinco liñas innovadoras: dispositivos intelixentes, tecnoloxía multimedia, intelixencia artificial, computación cuántica e Internet das cousas. En cada unha destas liñas haberá demostracións, produtos funcionando e un servizo de prototipado.

Aloxamento para empresas

Tras esta fase inicial, acometeranse outras accións programadas, como o aloxamento específico para empresas e institucións nos terreos da Cidade das TIC. Deste modo, as empresas poderán, non só acceder de forma sinxela a servizos avanzados, senón estar situadas no mesmo recinto xunto a outras empresas tecnolóxicas, fomentando a colaboración inter-empresas e coa propia universidade. Do mesmo modo, iniciarase unha fase para a definición e dinamización de servizos comúns para empresas, tanto presentes na propia Cidade das TIC como na súa contorna, habilitando infraestrutura para a celebración de reunións, actos, presentacións, formacións ou espazos de demostración.

Así mesmo, a Cidade das TIC é un proxecto con outras dúas grandes vocacións. Por unha banda, unha vocación comercial, xa que todas as empresas de Galicia están invitadas a participar e coñecer todos os produtos TIC das compañías, para os que existirá un demostrador permanente que de visibilidade á tecnoloxía feita en Galicia. En segundo lugar, consta dunha vocación de formación e capacitación tecnolóxica, tanto para empresas como para profesionais, co obxecto de manter ao ecosistema galego preparado para calquera cambio e poder así aplicar novas tecnoloxías e paradigmas aos seus desenvolvementos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)