Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O medioambiente preocupa nos fogares españois



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



A pesar de que nos atopamos nun momento no que a pandemia pasou a situarse no centro das preocupacións dos cidadáns, independentemente da súa idade e da súa situación económica, esta circunstancia non impediu que os españois deixasen atrás a súa toma de conciencia e compromiso sobre o medio ambiente.


Segundo constata a consultora especializada en gran consumo Kantar, os españois están cada vez máis involucrados coa preservación medioambiental, impulsada polo incremento dun perfil que dende a consultora denominaron “eco-actives”, é dicir, aquelas persoas que traballan diariamente para reducir os seus niveis de desperdicio de plástico adoptando frecuentemente medidas para mellorar o medioambiente e adaptando o seu comportamento de compra a este fin.

O crecemento dos “eco-actives” é especialmente relevante en España e, mentres en 2019 a porcentaxe de compradores con este perfil era dun 14%, no que levamos de ano esta cifra incrementouse 10 puntos ata chegar ao 24%. A nivel global este aumento foi do 4%, ao pasar do 16% ao 20%. Precisamente, entre as preocupacións que máis medran en 2020, destaca o incremento experimentado polo desperdicio de plástico, que aumenta un 3,1% respecto ao ano anterior ata chegar ao 8,5%.

Non obstante, o cambio climático/calentamento global (24,2%), a contaminación (12,2%) e a escaseza das augas (9,7%) seguen sendo os tres ámbitos polos que están máis concienciados os españois, a pesar de que nos dous primeiros se observa como a porcentaxe diminuiu en comparación a 2019. Esta crecente implicación en reducir os residuos plásticos vai máis alá das nosas fronteiras, sendo practicamente trasversal ao globo, onde tanto en Asia como en Estados Unidos e o resto de Europa se atopa entre o top 3 dos temas medioambientais que máis preocupan á poboación.

“Estes datos amósannos que o desexo de vivir dun modo máis sostible segue aí e tanto é así que o estudo que realizamos en Kantar conclúe que o 46% da poboación española recoñece estar persoalmente afectada por problemas ambientais”, sinala Edurne Uranga, consumer director en Kantar, división Worldpanel. Neste escenario, as novas xeracións teñen un papel clave en impulsar un cambio na sociedade, pois trátase dun colectivo que está á vez influído polas súas parellas, amigos e pais.

Impacto nos hábitos de compra

A sensibilización pola protección do medio ambiente tamén ten un efecto directo nas compras que realizan as familias, en concreto as máis novas. Os “eco-actives” conforman xa un segmento que supón un mercado de máis de 18.000 millóns de euros na categoría de produtos de consumo masivo ou FMCG, polas súas siglas en inglés, o que equivale a un cuarto do gasto total. Estas personas mercan actuando en consecuencia coa súa actitude pro-sostibilidade e, de feito, o 43% do volume total de produtos bio corresponde aos “eco-actives”.

Non obstante, ante este potencial e crecente negocio, non todas as marcas parten da mesma situación. Segundo os datos de Kantar, os fabricantes son o organismo non gubernamental ao que o consumidor demanda máis acción para limitar o dano medioambiental. “Só o 14% dos fogares poden nomear algunha marca de fabricante ou distribuidor que faga moito polo medio ambiente, o que nos sinala que os esforzos de fabricantes e retailers teñen marxe de mellora. A pesar de que non existe unha solución única para acertar, continuar innovando é imprescindible para poder seguir facendo fronte ás ameazas ao medio ambiente”, conclúe Miguel Jiménez, linkQ manager en Kantar, división Worldpanel.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)