Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A pandemia incrementa a mortalidade entre as empresas con tres anos de vida



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



As compañías que entraron no seu terceiro exercicio en 2020 afrontan a dificultade de consolidar o seu proxecto pola caída de facturación tras consumir os recursos iniciais cos que foron fundadas. Así, a súa mortalidade se disparou cinco puntos en 2020.


Esta é unha das conclusións do último estudo realizado por Iberinform sobre lonxevidade empresarial, que estuda cada ano as taxas de mortalidade dos proxectos empresariais. O terceiro ano é o máis crítico en todo proxecto empresarial: a inxección inicial de capital permite á inmensa maioría cumprir sen problemas os primeiros 24 meses de vida. Non obstante, a partir dese punto, aquelas empresas que non son quen de xerar números negros afrontan un futuro incerto.

“O estudo amosa que a primeira onda da pandemia rachou a cadea polo elo máis débil, as empresas no seu terceiro ano de vida. É o momento no que o capital inicial esgótase e as contas de resultados ten que empezar a cadrar para deixar de consumir uns recursos propios cada vez máis escasos. O que ocorreu é que aquelas empresas que entraron no seu terceiro exercicio en 2020 se atoparon cunha tormenta perfecta polo impacto na súa facturación dunha pandemia coa que ninguén contaba. Na foto deste ano, a taxa de mortalidade escalou ata o 19% fronte ao 14% de hai un ano”, explica o director xeral de Iberinform, Ignacio Jiménez.

Para elaborar este estudo, Iberinform analizou os máis de tres millóns de constitucións de empresas que tiveron lugar en España dende 1990. Oficialmente, 386.000 foron dadas de baixa no rexistro mercantil, pero é un dato equívoco. De acordo cos rexistros de Iberinform, 1,4 millóns de empresas adicionais non teñen ningún tipo de actividade, a pesar de estar constituídas legalmente.

De acordo co estudo, un de cada catro proxectos empresariais en España creba antes do quinto ano de vida. Un de cada dous non chegará a cumprir o noveno, onde a taxa de supervivencia cruza o ecuador e queda recortada ao 45%. Os anos seguintes presentan aínda taxas de mortalidade superiores aos tres puntos porcentuais. Aos 12 anos, a taxa de supervivencia limítase xa ao 36%. É un punto de xiro na madurez das empresas españolas. A partir dese momento, as posibilidades de supervivencia aumentan sensiblemente.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)