Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A hostalería galega continúa coas súas mobilizacións



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



Hostaleiros das asociacións de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol concentraranse en Santiago o vindeiro martes nunha gran mobilización que partirá ás 11.00 horas da explanada do Pazo de Congresos, en San Lázaro, para, percorrendo o último tramo do Camiño Francés, chegar á Praza do Obradoiro.


Máis de duascentas persoas concentráronse onte diante da Consellería de Sanidade convocados pola Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, para reclamar o regreso ao traballo agora que Santiago está en nivel laranxa de alerta sanitaria.

As protestas do sector continuarán os vindeiros días con varias accións. Hostalaría Compostela acude hoxe a unha concentración que convoca a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña ás 11.00 horas diante da Subdelegación do Goberno. Posteriormente, ás 12.00 horas, serán recibidos polo delegado do Goberno, Javier Losada, para presentarlle o Plan de Rescate elaborado en conxunto coas entidades de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol.

A mesa de diálogo coa Xunta mantivo o martes unha reunión coa Consellería de Emprego para falar das axudas presentadas polo Goberno galego, que o sector ve claramente insuficientes. “Propoñen 12 millóns de euros para a hostalería e catro millóns compartidos con outros sectores. Calculando unha contía media por establecemento duns 2.500 euros, o 75% locais quedaría fóra”, lamentan.

Hostalaría Compostela fai un chamamento á Xunta para que lidere, xunto con concellos e deputacións, o Plan de Rescate do sector. “Actualmente estamos falando só coa Consellería de Emprego, cando entendemos que, nas cuestións das axudas, deberían estar implicados máis departamentos”, sosteñen.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)