Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un estudo realizado en Compostela revela que o uso de máscaras afecta á calidade da voz



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



A investigación realizada pola Unidade de Patoloxía da Voz do hospital HM Rosaleda mostra alteracións na intensidade e intelixibilidade da voz. Os expertos recomendan aumentar os coidados en profesións ou situacións nas que o uso de máscaras se une a unha utilización intensiva da voz.


A Unidade de Patoloxía da Voz, Voz Profesional e Deglución do Hospital HM Rosaleda traballa desde fai máis de seis anos no tratamento multidisciplinar de todo o relacionado coas cordas vocais e a voz. Foi pioneira na sanidade privada e segue sendo unha das poucas que existen, pese ao incremento de pacientes que demandan os servizos destes expertos.

Unha demanda que aumentou aínda máis nas últimas semanas, tal como explica o Dr. Javier Lage, director da Unidade e otorrino especializado en patoloxía da voz e voz profesional. “En HM Rosaleda levamos tres anos estudando os efectos do esforzo vocal en grupos de risco, como docentes e cantantes, e detectamos que a incidencia de patoloxías ou queixas sobre problemas de voz multiplicouse desde o uso das máscaras”, explica o responsable da Unidade. “Tendo en conta que o uso de máscaras é fundamental para o control da pandemia, é necesario ser consciente e cuantificar as alteracións que poden provocar na voz co fin de incrementar os coidados da nosa larinxe e previr abusos vocais prexudiciais”, indica o Dr. Lage.

Para iso desde a súa unidade realizaron un estudo específico sobre como inflúe o uso de máscaras na voz. As primeiras conclusións evidencian unha importante diminución da calidade da voz con todos os tipos de máscaras, que é máis relevante nas tipos FFP2 e KN95. “Este tipo de respiradores provocan unha maior atenuación da intensidade da voz e unha importante distorsión do son, o que leva a alteracións subxectivas máis intensas e menor calidade de vida relacionada coa voz”, indica o estudo. En cambio, as máscaras cirúrxicas supoñen menor alteración e requiren menos esforzo vocal, sobre todo en persoas con necesidades de uso intensivo.

Ademais das numerosas queixas que relataron os pacientes (un 94% presenta polo menos un síntoma relacionado co uso de máscaras), o estudo detectou alteracións acústicas obxectivas, como unha atenuación da intensidade de case 4 dB de media e unha distorsión do son e un empeoramento dun 18% na comprensión-intelixibilidade da voz que, no caso das KN95 e FFP2 pode chegar ata un 45%. E no Voice Hándicap Index, o cuestionario validado máis utilizado para o estudo das alteracións da voz, o 100% dos pacientes empeorou a súa valoración de calidade vocal.

Incrementar os coidados

Os expertos inciden na necesidade de aumentar os coidados, sobre todo profesionais que fan un uso vocal agresivo e persoas con hábito vocal inadecuado. Entre as recomendacións destaca a hidratación abundante, o repouso regular, quecemento previo e evitar gritar, fumar ou estar en ambientes irritantes.

Dependendo da máscara utilizada e as necesidades, os pacientes que usan a súa voz para a súa profesión (especialmente os docentes), poden requirir de axudas técnicas que melloren a compresión e diminúa o esforzo vocal.

Para dar resposta ás necesidades xurdidas desta nova situación sanitaria e a todas as que xa existían, a Unidade de Voz de HM Rosaleda reforzouse coa incorporación dunha nova profesional, que se suma ao equipo multidisciplinar, formado por dous otorrinolaringólogos e un audiólogo.

Nova logopeda e cantante profesional 

Noelia X. Geada é logopeda especialista en voz e cantante, dous aspectos que lle confiren “un coñecemento extra de todo o relacionado coas cordas vocais e a voz, especialmente no ámbito profesional”, explica. Graduada en Logopedia pola Universidade da Coruña, conta con posgraos en Patoloxía da Voz e Especialización en Rehabilitación e Perfeccionamento da Voz Profesional Falada e Cantada, entre outros títulos. Posúe, ademais, experiencia profesional en centros sanitarios, como o Hospital Ramón y Cajal de Madrid.

A súa integración no equipo de HM Rosaleda supón un “paso decisivo xa que esta Unidade de Voz é un referente na sanidade e son moi poucos os hospitais públicos ou privados que contan cun servizo especializado deste nivel”, asegura a nova logopeda, quen destaca tamén o carácter multidisciplinar deste grupo hospitalario que, ademais de tratar moitas patoloxías.permitiralle traballar en prevención, algo que considera esencial “para evitar complicacións e ter recorrer a solucións máis invasivas, como poden ser cirurxías”. Así mesmo, o seu coñecemento e experiencia como cantante permitirá implementar “un servizo de atención a profesionais que queren mellorar a súa voz con clases de técnica vocal e mesmo oratoria, como falar en público etc.”, sinala a experta.

Desde a Unidade de Voz destacan a importancia de “visibilizar e concienciar sobre a necesidade de coidar a voz, unha ferramenta que utilizamos cada día case desde o mesmo momento de nacer e á que, en cambio, apenas se presta atención”. E inciden en que se consulte calquera cambio ou molestia (disfonías rouquén, asubíos etc.) antes de que se converta nunha patoloxía máis grave.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)