Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia é a comunidade con menor taxa de profesionais a tempo parcial



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



Mentres que no conxunto de España estes traballadores representan o 13,8% sobre o total, nesta rexión son o 12,4%. Ademais é o terceiro territorio onde máis caeu esta taxa no último ano: un 10,4%, só superado por Cataluña (11,7%) e Navarra (-16%).


Un informe sobre a evolución dos profesionais que se atopan traballando a tempo parcial en España realizado por Randstad revela que en España 2.654.700 ocupados traballan con xornada parcial, un volume que se reduciu un 4,8% con respecto ao ano pasado, cando se rexistraron 2.789.200 profesionais deste tipo, a maior cifra da serie estudada. O estudo destaca ademais que o número de traballadores a tempo parcial se reduciu por debaixo dos 2,7 millóns por primeira vez dende 2014.

Estudando a evolución dos ocupados con xornada parcial, apréciase que o volume medrou de maneira constante dende os 2,3 millóns dos anos 2008 e 2009 ata os 2,75 millóns de 2015. Dende entón, o volume deste tipo de profesionais se mantivo estable entre os 2,70 e os 2,79 millóns ata que en 2020 a cifra se reduciu un 4,8% ata os 2,65 millóns, a maior caída da serie estudada.

A taxa de ocupados con xornada parcial foi este ano do 13,8%, sufrindo un lixeiro retroceso de dúas décimas con respecto á do ano pasado. Este indicador do mercado laboral non deixou de medrar dende 2008, experimentando cinco anos consecutivos de incrementos, ata rexistrar en 2013 a taxa máis elevada: o 15,2%. Dende entón, seguiu unha tendencia negativa, rexistrando en 2020 o 13,8%, e caendo por debaixo do 14% por primeira vez dende 2011.

“A contratación a tempo parcial é un indicador positivo da dinamización do mercado laboral, que pode funcionar como unha oportunidade para crear novos postos de traballo, para conciliar o traballo coa vida persoal e reducir os índices de paro. Por iso, toda redución no volume deste tipo de profesionais débenos preocupar –sobre todo porque xa partíamos duns niveis de parcialidade moi inferiores á media europea–, aínda que confiamos en que unha próxima recuperación devolva aos niveis rexistrados antes da irrupción da pandemia”, explica Valentín Bote, director de Randstad Research.

Por idades

O estudo tamén tivo en conta a idade á hora de analizar o volume de ocupados a tempo parcial. Así, destaca que a menor idade do profesional máis caeu o número de traballadores con este tipo de xornada. De feito, o segmento de maiores de 45 anos foi o único en medrar este ano, en concreto un 2%, pasando dos 1.080.500 traballadores de 2019 aos 1.101.700 actuais. Pola súa banda, o colectivo de entre 25 e 45 anos caeu un 8,1%, ao rexistrar 1.338.000 profesionais o pasado ano aos 1.229.100 no actual. Por último, a caída máis pronunciada produciuse entre os menores de 25, cun descenso do 12,6%, ao pasar dos 370.700 profesionais de 2019 aos 324.000 do presente exercicio.

No que respecta a sectores, o estudo revela que a gran maioría dos ocupados a tempo parcial rexistrados en 2020 pertencen ao sector servizos, concretamente un 90,2%. Séguenlles os profesionais da industria (5,4%), a agricultura e a construcción (ambos con 2,2%). Tendo en conta esta disparidade de pesos, os únicos sectores que viron medrar o seu volume de profesionais a xornada parcial foron industria, cun aumento do 5,3%, e a agricultura, un 3,6%. Pola súa banda, o volume de ocupados deste tipo reduciuse un 10,4% no caso da construción, e un 5,4% en servizos.

Por comunidades

Randstad percibiu notables diferenzas entre as taxas de ocupados a tempo parcial entre as diferentes comunidades autónomas. A Comunidade Valenciana é, cun 16,2%, a rexión coa maior taxa de todo o país, seguida por Cantabria (15,3%) e País Vasco (15,2%), todas elas por riba do 15%. Con porcentaxes máis moderadas, pero aínda por diante da media nacional (13,8%), atópanse Estremadura (14,9%), Castela e León (14,8%) e Andalucía (14,5%). Con taxas por debaixo da media nacional atópanse Navarra (13,7%), Cataluña (13,6%), Baleares (13,5%), A Rioxa (13,4%), Aragón, Murcia (ambas con 13,3%), Castela-A Mancha (13,2%) e Asturias (13%). Coas taxas máis baixas, por debaixo do 13%, atópanse a Comunidade de Madrid (12,7%) e Galicia (12,4%).

No que a volumes se refire, as únicas comunidades que viron medrar o número de ocupados a tempo parcial foron a Comunidade Valenciana (cun crecemento do 2,2%), Cantabria (1,7%), a Comunidade de Madrid (1,2%) e Baleares (0,5%). Xa con caídas, pero menos acusadas que a media nacional (-4,8%), atópanse Castela e León, País Vasco (-2,4%), Asturias, Aragón (ambas con -2,8%) e Murcia (-4,1%). Con caídas maiores que a media nacional stúanse Estremadura (-5,2%), Castela-A Mancha (-6,5%), Andalucía (-6,6%), Canarias (-7,2%) e A Rioxa (-9,9). Os maiores descensos, de dous díxitos, rexistráronse en Galicia (-10,4%), Cataluña (-11,7%) e Navarra (-16%).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)