Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Importadores belgas e neerlandeses queren distribuír este Nadal nos seus países produtos da eurorrexión



REDACCIÓN · PUBLICADO O 16 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



A misión da CEO para abrir mercados en Bélxica e Países Baixos ás empresas de Galicia e o Norte de Portugal rematou cumprindo coas espectativas de todas as partes, que se amosaron moi satisfeitas cos contactos obtidos para futuros acordos comerciais. En total celebráronse máis de 40 reunións durante arredor de 20 horas online.


Nos encontros primou o interese amosado por ambas partes, ademais da predisposición para futuras colaboracións incluso, de forma máis inmediata, a posibilidade de compras para esta campaña de Nadal nalgúns casos. Os responsables das 30 empresas participantes destacaron desta misión a enorme oportunidade que supón que se presentasen os seus produtos aos sete importadores belgas e neerlandeses, ao igual que estes sinalaron como positiva a ocasión de poder facelo no contexto virtual.

Viños, aceites de oliva, tartas e salsas foron produtos estrela desta misión e os que máis interese espertaron, destacando especialmente os viños de 375 ml  destinados a un público milennial que busca novas experiencias vinícolas. Un dos importadores, Espavino, tivo a oportunidade de entablar contacto con empresas das que xa tiña un gran coñecemento previo e nas que estaba moi interesado como empresa especializada en produtos españois. Estas reunións permitirán confirmar o seu interese nestes produtos e entablar en firme oportunidades de negocio. En xeral, os importadores tiveron acceso a produtos de excelente calidade dos que solicitaron xa mostras coas que experimentar nos mercados de destino.

A misión destacou pola busca de exclusividade nos mercados e produtos por parte dos importadores, pois nos seus países existe unha inclinación polos produtos da eurorrexión debido ás súas características de excelencia. Por outra banda, a capacidade de adaptación das empresas ás novas tecnoloxías foi tamén un dos temas centrais destas citas, xa que os importadores están utilizando cada vez máis novas canles de venda ao público.

Ademais dos temas abordados, as plataformas de ecommerce, en concreto a de WineStep, un dos importadores, foi vista como unha excelente oportunidade para a promoción de viños en varios mercados exteriores europeos, o que permitirá ás empresas participantes promover os seus produtos nos Países Baixos e Bélxica, pero tamén noutros mercados como Polonia, Alemaña ou Austria.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)