Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Sara Zapata, a galega finalista no Cinco Jotas Cooking Challenge



REDACCIÓN · PUBLICADO O 17 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



A súa receta, “Os xirasois de Van Gogh e Cinco Jotas”, compite o día 26 con outros cinco finalistas por unha bolsa de estudos no Basque Culinary Center, un dos centros máis reputados en formación e innovación gastronómica a nivel mundial.


A coruñesa, con tan só 22 anos, accede a esta final, que celebra a súa V edición e ten como obxectivo premiar o talento e a creatividade das novas promesas da gastronomía española. Este ano, a creatividade será aínda máis decisiva para os xuíces do concurso, xa que para crear a súa elaboración deberán inspirarse nunha obra de arte mundialmente coñecida e, ademais, elaborar unha versión sinxela da súa receta.

A creación de Zapata foi seleccionada entre máis de 60 propostas innovadoras presentadas polos alumnos de terceiro curso do centro. E é que o finalista que consiga o galardón será premiado cunha bolsa para cubrir un semestre de estudos no centro. Durante a final, tamén se outorgará un premio ao prato máis votado nas redes sociais da marca. Cada un dos alumnos estará apadriñado por un dos finalistas das últimas edicións de MasterChef, que apoiará a elaboración do seu finalista apadriñado en redes sociais para conseguir votos. No caso de Sara Zapata contará co apoio de Iván (Masterchef 8), galego como ela.

A proposta da coruñesa xorde co desexo de transportarse ao mundo que rodea aos seus pais, a agricultura e a xardinaría. Quixo inspirarse nesta obra de Van Gogh polo seu claro protagonismo da natureza e pola traxectoria e importancia histórica do artista. O xamón Cinco Jotas achega a harmonía e unión entre todos os elementos do prato e, ademais, o utiliza para un fondo que será a base do prato. Sara Zapata incorpora outros elementos sinxelos da terra como os chícharos lágrima e o ovo campeiro, que achegan a textura e a cremosidade desexadas. Amante da repostaría dende pequena grazas ás tardes de cociñado coa súa avoa, decidiu seguir formándose no mundo gastronómico e coñecer todos os currunchos deste eido.

Na final, o xurado, presidido polo chef Pedro Subijana, escollerá ao gañador segundo os criterios de valoración de concepción, creatividade e historia da receta, a estética e presentación do prato, a harmonía entre os ingredientes, a execución e a presentación oral da proposta ao xurado e asistentes. Os finalistas tamén poderán optar ao premio que se concederá por ser o prato máis votado nas redes sociais de Cinco Jotas.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)