Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

ITG é recoñecido como centro de excelencia para impulsar a transición ecolóxica en España



REDACCIÓN · PUBLICADO O 18 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



É o único centro tecnolóxico galego que participa na Rede de Excelencia HysGrid+, unha alianza española para o desenvolvemento de comunidades locais enerxeticamente positivas. Trátase dunha rede estratéxica para o Gobierno central pola súa importancia para a I+D a nivel nacional.


O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participa nesta rede xunto a outros catro centros tecnolóxicos nacionais, nunha alianza creada para dar solución ás novas necesidades que xurdirán do proceso de transición enerxética, un novo paradigma que contribuirá á creación de comunidades locais enerxeticamente positivas que requirirán de innovadoras solucións para a súa creación e xestión.

Esta é a segunda iniciativa aprobada a ITG dentro do Plan Cervera, prioritario para o Goberno central, no que unicamente teñen cabida proxectos de I+D considerados de excelencia investigadora. Específico para centros tecnolóxicos, Cervera ten como obxectivo acadar unha maior capacitación científico-tecnolóxica e o reforzo do posicionamento en ámbitos internacionais.

Para Santiago Rodríguez Charlón –na imaxe–, director da División de Enerxía de ITG, “os sistemas de enerxía urbanos teñen un papel especialmente importante no desenvolvemento de sistemas enerxéticos sostibles, xa que as redes de enerxía nas cidades reúnen unhas características particulares que permiten a utilización de almacenamento de forma eficiente e a exploración de sinerxías entre os diferentes recursos, axentes e sistemas (eléctrico e térmico)”.

Para dar resposta ás necesidades que xorden do notable crecemento das urbes, HysGrid+ traballará na creación dun sistema de control centralizado que permita a xestión óptima de todos os recursos enerxéticos, tanto eléctricos como térmicos, en comunidades enerxéticas locais a través da creación de sistemas híbridos capaces de xerar enerxías renovables e de almacenalas ao mesmo tempo.

Rodríguez Charlón destaca tamén que “no contexto enerxético urbano, os novos sistemas de enerxía intelixentes que se presenten deberán proporcionar unha flexibilidade na transición cara a sistemas de enerxía neutrais en emisións de carbono que permitan aos consumidores ser parte activa do ecosistema enerxético, producir a súa propia enerxía e elixir de forma fácil servizos enerxéticos de acordo coas súas propias preferencias e intereses. É dicir, necesítase un enfoque máis amplo e integrador que permita acoplar e integrar recursos enerxéticos renovables e mellorar o aforro e a eficiencia enerxética dando protagonismo ao usuario ou consumidor”.

Contexto

O novo paradigma enerxético necesitará de innovadoras solucións intelixentes para cumprir cos obxectivos de descarbonización e de electrificación marcados tanto por España como por Europa. A contaminación de grandes cidades ou o cambio climático fan que o marco europeo estableza para 2030 tres obxectivos claros: redución nun 40% das emisións de gases de efecto invernadoiro, unha mellora na eficiencia enerxética dun 32,5%, así como un 32% de xeración de enerxía baseada en fontes renovables.

Para acadar estes obxectivos, as diferentes fontes enerxéticas, as tecnoloxías de produción, a xeración distribuída, o almacenamento e a interacción co usuario deben combinarse de maneira óptima e intelixente para permitir unha transición flexible e rendible cara a sistemas de enerxía libres de emisións.

Por outra banda, a calefacción e a refrixeración son claves para a transición enerxética global. As redes de calor ou redes de calefacción e refrixeración deberán basearse en fontes de enerxía dispoñibles localmente, renovables e baixas en carbono (calor térmico e xeotérmico, calor residual de edificios industriais e comerciais, calor de plantas de coxeración, almacenamento térmico en edificios, etc).

A finalidade do Programa Cervera é fortalecer os centros tecnolóxicos que desenvolvan investigación aplicada en España, así como o seu papel tractor no conxunto do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. En particular, preténdese fortalecer as capacidades destes centros en tecnoloxías estratéxicas (tecnoloxías prioritarias Cervera) mediante o traballo en rede, así como fomentar a súa capacidade de colaborar con distintos axentes, especialmente empresas, nestas tecnoloxías.

Socios de HysGrid+

  • ITE (Instituto Tecnolóxico de Enerxía). Ten como obxectivo mellorar a observabilidade e controlabilidade das futuras redes intelixentes a través da xestión e integración de sistemas de almacenamento dinámicos (estacións recarga).
  • ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia). Ten como liña de especialización o tratamento avanzado de datos mediante o desenvolvemento de sistemas de información que integren os recursos distribuídos do sistema, permitindo así o despregue de técnicas de control e xestión intelixente a nivel descentralizado e centralizado nas comunidades enerxéticas locais.
  • Ikerlan especialízase en tecnoloxías para o desenvolvemento e xestión de sistemas de almacenamento nas Smart Grids, poñendo o foco nas comunidades enerxéticas locais.
  • Aicia ocúpase da planificación, a xestión óptima e o control das redes eléctricas, incluíndo nelas todos os recursos distribuídos de xeración, almacenamento e consumos, con especial énfase nos axentes locais de xestión autónoma como son as microrredes ou as comunidades locais de balance positivo.
  • Cartif ten como obxectivos avanzar na definición de criterios e metodoloxías para a planificación e deseño de comunidades enerxéticas positivas, así como no coñecemento do comportamento e mellora de tecnoloxías para a interconexión e intercambio de enerxía entre redes térmicas e eléctricas.


Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)