O catedrático da USC Ángel Carracedo liderará o maior programa de Medicina Xenómica de España
“Estamos moi ilusionados con este proxecto que marca o camiño do desenvolvemento da medicina personalizada de precisión neste país”, di Carracedo. “A medicina xenómica representa unha revolución na asistencia sanitaria ao permitir facer diagnoses, identificar os mellores tratamentos e deseñar estratexias de prevención”.
O director do grupo de Medicina Xenómica do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), coordinará dende Santiago un programa parte da Acción Estratéxica en Saúde 2017-2020 do ISCIII. Dotado con 7,25 millóns de euros, contempla a creación dunha rede en todo o Estado. E asociada a unha estrutura que permita desenvolver tres proxectos piloto: sobre enfermidades raras, cancro e farmacoxenética de biomarcadores de resposta a tratamentos en cancro e enfermidades psiquiátricas.

O obxectivo é crear unha estrutura colaborativa para a implementación da medicina xenómica en coordinación co SNS. Os pacientes de todas as Comunidades Autónomas poderán acceder con equidade e tempos axeitados de resposta a todas as probas xenómicas que sexan precisas. O programa contará cunha rede de cinco centros de referencia de análise xenómica e un grupo de expertos clínicos. En total, participarán 45 grupos de 38 centros —25 hospitalarios e trece de centros de investigación ou universidades— con representación de todas as Comunidades.
A rede de centros e o grupo de expertos clínicos ofrecerán servizos de secuenciación xenómica, interpretación dos resultados e elaboración dun informe clínico. Ademais, este programa coordinarase con iniciativas internacionais como o proxecto europeo 1+ Million Genomes, o Consorcio Internacional de Investigación en Enfermidades Raras (IRDiRC) e o Consorcio Internacional do Xenoma de Cancro (ICGC).
Abordaxe de enfermidades a medida
A medicina personalizada e de precisión supón a adaptación do tratamento médico ás características de cada paciente. Esta identificación realízase a través da análise e integración de datos xenómicos, técnicas de imaxe, con datos clínicos e a contorna. Con todo isto conséguese a posibilidade de aplicar intervencións terapéuticas, evitar posibles efectos secundarios. En definitiva, un cambio no paradigma da forma de aplicar a asistencia médica.
Comentarios (0)