Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Dos ERTE que “salvan” 2020 á esperanza dos fondos europeos en 2021



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE XANEIRO DE 2021 · (0)



Os datos de afiliación e paro rexistrado publicados hoxe pola Seguridade Social e o Ministerio de Traballo permiten facer un primeiro balance do comportamento do mercado laboral no moi difícil ano 2020 que vén de rematar. Infojobs pon o foco sobre tres cuestións claves.


En primeiro lugar fala do emprego. 2020 rematou con 360.105 afiliados menos (un descenso do 1,9 %) que os que había cando rematou 2019. É unha cifra que pode considerarse incluso relativamente baixa dadas as excepcionais circunstancias que provocou dende marzo a pandemia da covid-19. Pero tamén supón rachar a tendencia de creación de emprego que se viña rexistrando dende 2014.

En segundo lugar, do desemprego. O paro rexistrado nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal pasou de case 3,2 millóns a finais de 2019 a 3,9 millóns a finais de 2020. Son practicamente 725.000 persoas máis (un incremento do 23 %) que hai un ano.

E por último, dos ERTE. A cobertura pública, mediante expedientes temporais de regulación, é a clave que explica por que non se destruiu máis emprego. Os 755.613 traballadores que remataron o ano afectados por algún ERTE son a manifestación da excepcionalidade de 2020 no mercado laboral.

Con este panorama, a gran pregunta agora é que se pode esperar de 2021. Se se observan individualmente as citadas claves, en relación co emprego resulta razonable a recuperación de 200.000 postos de traballo que prevén diferentes organismos, sempre e cando a evolución da situación sanitaria non obrigue a novos paróns drásticos. De feito, se o plan de vacinación cumpre os prazos anunciados, a hostalería e o turismo (dous dos sectores máis afectados) acadarán un bo nivel de actividade en verán que impulsará con forza a creación de emprego estacional, aínda que non o traballo estable que o mercado laboral español precisa.

En canto á segunda cuestión, o paro rexistrado, resulta relevante a súa diferenza con respecto á afiliación: hai 725.000 desempregados máis que hai un ano e só 360.000 afiliados menos. É dicir: durante 2020 medrou significativamente a poboación activa (persoas que queren traballar). Que isto sucedese nun ano tan difícil como o que vén de rematar debe interpretarse en termos conxunturais (hai máis membros intentando atopar un emprego nas familias que están pasando apuros económicos), pero tamén estruturais (o progresivo retraso da idade de xubilación que vén aplicándose dende 2013 conleva necesariamente un incremento da poboación activa).

Os ERTE

Pero a gran cuestión sobre o emprego en 2021 é que pasará cos traballadores afectados polos ERTE. Esta cobertura excepcional conclúe, teoricamente, a finais deste mes, aínda que polas declaracións dos responsables políticos parece posible que se prorroguen mentres siga habendo limitacións á actividade económica. O que non hai é un plan de retorno máis alá desa prohibición de que as empresas que se acollesen a estes ERTE poidan despedir aos traballadores afectados. Os fondos europeos para a recuperación a raíz da covid-19 (os 140.000 millónes de euros que recibirá España do plan NextGenerationEU) deberían paliar as necesidades de autónomos e pemes.

Pero esa contía, por moi ampla que pareza, é finita e as necesidades de cada sector son diferentes: algúns (como os citados de hostalería e turismo, pero tamén ocio e motor) víronse impactados con forza, mentres que outros mantiveron a súa actividade con relativa normalidade. Cómpre que o reparto recoñeza esas realidades e priorice o gasto tendo en conta o curto prazo (as urxencias destes sectores) e o longo prazo (a remodelación do tecido produtivo).

Ninguén dubida de que, pese a todo, moitos deses 755.000 empregados afectados por ERTE terminarán engrosando as listas do paro. As porcentaxes de reincorporados e de despedidos serán o verdadeiro termómetro da evolución do emprego en 2021. Son a burbulla do mercado laboral en plena pandemia: que se desinche ou que estoupe cando todo pase determinará o futuro inmediato do emprego en España.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)