Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O programa Connect-19 pecha co apoio a 20 empresas galegas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE XANEIRO DE 2021 · (0)



A aceleradora de pemes especializadas en solucións fronte ao impacto da COVID-19, impulsada por Xunta e o Parque Tecnolóxico de Galicia, ofrece desde unha app para controlar a nutrición dos pacientes hospitalarios, tecidos para combater bacterias e virus en almofadas e colchóns, máscaras ecolóxicas… ata unha plataforma de teletraballo.



As pemes beneficiarias deste pertencen a sectores moi diversos: saúde, industrial, TIC, biotecnolóxico, social… Estas 20 empresas supoñen no seu conxunto 182 empregos, con 25 millóns de facturación en total e unha facturación exterior de 3 millóns de euros. Ofrecen solucións moi dispares como ingredientes cosméticos con capacidade antiviral e ata un kit que determina a perda do gusto e o olfacto para a detección precoz da enfermidade.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) e a Consellería de Economía -a través da Axencia Galega de Innovación, Gain- puxeron en marcha o pasado  xuño o programa Connect-19 e esta mañá celebrouse o evento final do programa en Tecnópole, e se presentaron os resultados acadados. No acto participaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde; e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey que destacou que “en menos de seis meses as empresas participantes foron capaces de poñer a disposición do mercado produtos para que a nosa vida sexa máis fácil nesta situación”. E resaltou o feito de que “o 60 % son microempresas, o que demostra que as empresas moi pequenas tamén poden innovar, polo que merece a pena apoialas”.

O que ofrecen

Son varias as empresas que desenvolveron elementos de hixiene e protección como pantallas faciais; máscaras ecolóxicas, reutilizables e biodegradables feitas con fibra vexetal... Tamén sistemas de control de acceso que miden a temperatura corporal e supervisan o uso de máscara en lugares transitados; cabinas de desinfección; un dispositivo para o recoñecemento de xestos destinado a minimizar o contacto con superficies contaminadas; ou un sistema de vixiancia de espazos públicos con drons, que realiza un conteo de persoas e mide a distancia entre elas.

Tamén púxose en marcha unha solución que permite levar a cabo todos os procesos dunha empresa desde unha mesma plataforma, evitando o contacto físico, un espazo virtual para a celebración de reunións, feiras e outros eventos; escaparates dixitais; un dispositivo que fai posible que os usuarios interactúen con moitos tipos de máquinas sen necesidade de tocar as teclas ou as pantallas. Ou un sistema para favorecer os coidados personalizados dos maiores nas residencias e centros de día; e unha ferramenta pedagóxica que ensina aos escolares as claves para non contaxiarse. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)