Case o 70% das empresas galegas opina que en 2021 o comportamento da economÃa de Galicia será mellor que o de España
Así o recolle o informe de BDO, presentado hoxe no Círculo de Empresarios de Vigo, malia que a xestión da Covid-19 reduce aS oportunidades de investimento en Galicia, que pasa do 81% ao 75%. Quedará un novo mapa do tecido empresarial no que as compañías líderes do sector aumentarán cota de mercado polo incremento de operacións corporativas de concentración e a desaparición de competidores.
Así o cre o 70% das empresas consultadas no estudo de opinión. Alimentación, TIC, saúde e deporte, pesca e enerxía son os cinco sectores onde investirían as firmas e tamén hai previsión dun aumento das operacións corporativas como medida para obter liquidez.

Empresarios galegos e directivos do Private Equity móstranse optimistas coa recuperación do consumo para partir do segundo semestre deste ano e coinciden en que o comportamento da economía de Galicia será mellor ou igual que a do conxunto do país, segundo despréndese de senllos estudos de opinión realizados para a elaboración da IV Edición do informe Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2021. Claves para a recuperación, realizado por BDO, unha das maiores organizacións globais de servizos profesionais.
O informe de BDO, presentado hoxe contou coa intervención do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde e de Alfonso Osorio, presidente de BDO que lembrou que neste ano excepcional reorientouse o estudo para recoller a opinión sobre o impacto da pandemia na economía en xeral e en Galicia, e albiscar como será a reactivación económica, sectores tractores e a transformación do modelo económico esperado tras a chegada dos fondos Next Generation da Unión Europea. O evento contou cun debate no que se abordaron todas as cuestións anteriores no que participaron a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, Fernando Guldrís, director do IGAPE, Ignacio Portela, socio de Naza Capital, e Andrés Fernández, CEO de Zendal.
O caso galego
O cuarto informe de perspectivas de BDO indica que case o 70% das empresas galegas opina que en 2021 a economía de Galicia evolucionará mellor que a de España. Segundo dixo Conde: “A taxa de paro en Galicia é catro puntos e medio inferior á taxa de paro en España, e Galicia está en disposición de dar unha boa resposta e comportarse mellor que a media do resto de España”. Así o constatan os servizos de estudos de entidades financeiras e think tanks consultados para a realización deste informe. O consenso dos analistas consultados prevé que este ano a economía de Galicia avance de media sete décimas máis que a do país, situándose o rebote do PIB no 7,3%. O esborralle no exercicio que acabamos de terminar será tamén menor, cunha contracción da -9,7% fronte ao -11,7% do conxunto de España.
A incerteza marcará as decisións empresariais e en liña coas firmas de investimento, a maioría do tecido empresarial galego recoñece que serán necesarias novas medidas de financiamento que acheguen liquidez, flexibilizando os créditos ICO concedidos, impulsando novos instrumentos de apoio público e facilitando novo financiamento que permita a capitalización das compañías coa entrada de novos socios no accionariado, con débeda ou outros mecanismos financeiros. Conde incidiu en que “a Administración Pública debe ser áxil. Crearemos medidas a través dunha Lei que dea seguridade a través de ferramentas como o silencio positivo ou a redución de prazos e simplificación administrativa dos informes, esixindo un só informe por departamento válido para toda a tramitación do proxecto”. E concluíu: “É un reto interno, pero tamén externo, onde o IGAPE deberá acompañar ás empresas neste cambio na cultura administrativa”.
A curto prazo
O severo impacto económico na conta de resultados das empresas será un lastre difícil de superar ao que se une a incerteza durante a primeira parte de 2021. O 63% dos empresarios móstrase pesimista e albisca un escenario negativo ou moi negativo no peche do exercicio 2020, pero un 70% prevé que a facturación aumente ao longo deste 2021.
Por tanto, “a incerteza é e vai ser a variable que marque o factor temporal da recuperación económica. As empresas terán que estar moi alerta ante os vaivéns do mercado, flexibilizando estruturas organizativas e produtivas para adaptalas á contorna cambiante; apostando pola dixitalización; promovendo a colaboración en diferentes ámbitos, buscando constantemente a mellora da produtividade, sen esquecer sustentabilidade e inclusión (social, territorio) e a captación e retención do mellor talento”, sinalou Pelayo Novoa, socio de BDO. “Chegar aos niveis de facturación pre- COVID non vai ser tarefa fácil nin rápida. Para financiar todos estes cambios de calado no modelo de negocio da empresa galega será necesario acudir a fontes de financiamento alternativas ao tradicional financiamento bancario, como pode ser a entrada no capital de novos socios ou fondos de débeda, ou ben a procura de financiamento dos fondos europeos Next Generation EU”, afirmou Jorge Montoya, socio de BDO.
Firmas de Private Equity consideran que o Covid-19 vai ofrecer máis oportunidades de investimento, precisamente, por esas necesidades de liquidez. Nun primeiro momento, o Covid-19 obrigou a estas sociedades para dedicarse ás súas participadas afectadas polo confinamento, o que se nota na análise de oportunidades de investimento, que se reduciu en 2020, pasando do 81% ao 75%. Por primeira vez, ningún dos participantes no estudo analizou máis de catro operacións, como si ocorría en anteriores edicións.
O principal argumento polo que non se avanzou é o reducido tamaño do tecido empresarial galego (o 96% está formado por empresas con menos de 9 traballadores) e non a falta de oportunidades. Nesta edición do informe de BDO, a falta de entendemento cos xestores deixou de ser a principal barreira de entrada, o que demostra que aos poucos se está producindo una certa apertura cara ao financiamento exterior por parte dun empresario tradicionalmente conservador. Así mesmo, o prezo deixou de ser outra barreira, o que pode ser unha consecuencia do contexto de incerteza no que nos atopamos. O Top 5 dos sectores onde o Private Equity investía en Galicia son alimentación, TIC, saúde e deporte, pesca e enerxía, que sacan dos postos de cabeza a un dos motores da economía galega, o sector téxtil, que baixa aos vagóns de cola xunto a outro dos piares, o sector da automoción, que xa en 2019 saíu do Top 5. Construción e naval seguen sendo os sectores menos atractivos para os investidores.
Comentarios (0)