Publicidade

R maio 2021


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Máis de 50 empresas apostan pola economía circular en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 23 DE FEBREIRO DE 2021 · (0)



Todas elas participan no Proxecto Aproema Conecta, que se realiza grazas ao Programa de Axudas á Contratación en Organismos Intermedios e que nos próximos días celebrará a primeira ronda de mesas de negocio circular temáticas en ámbitos como os residuos da madeira, os de plásticos e os xerados en mercados e grandes superficies.


Este proxecto, promovido por Aproema (Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia), busca fortalecer o negocio no eido da economía circular e favorecer o relanzamento das empresas do sector con visión innovadora e actualizada. Trata de conectar de forma eficiente aos diferentes axentes que interveñen no actual ciclo “produción-consumo-refugallo” para, a través de traballo a pequena escala e reducida extensión territorial, establecer una metodoloxía que facilite o desenvolvemento de ciclos completos na cadea de valor dos materiais e produtos de mercado.

Desta forma, Aproema Conecta contribuirá a “pechar o círculo” como se presenta no Plan de Acción para a Economía Circular establecido pola Unión Europea e a Estratexia Galega de Economía Circular elaborada pola Xunta para 2019-2030. Para iso partirase da identificación dos intereses das empresas galegas que apostan pola economía circular e, a través dun diálogo cunha visión de 360°, buscarase desenvolver estratexias concretas que potencien o negocio da economía circular pivotando sobre os xestores de residuos, e facendo partícipes a fabricantes e empresas de servizos e aos responsables da compra pública verde, promovendo así espazos de colaboración entre todos os axentes implicados no ciclo.

Os diferentes axentes que interveñen no actual ciclo “produción-consumo-refugallo” son as empresas galegas que apostan pola economía circular como son xestores e produtores de refugallos, e, ademais, a Administración. O peche dos ciclos das materias primas e a redución progresiva dos procesos de eliminación require un traballo colaborativo cunha visión de 360° e a implicación de todos os axentes que participan no ciclo da economía circular.

O proxecto céntrase centra en tres ámbitos concretos: os residuos de madeira, de plásticos e os xerados por mercados e grandes superficies, para os que se crearon tres mesas de negocio circular, onde se conta con representantes de varios concellos galegos, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de importantes empresas galegas de xestión de residuos e cun interesante elenco de representantes das principais firmas de supermercados e grandes superficies, así como de industrias doutros sectores da comunidade autónoma.

Reunión virtual

Onte realizouse a reunión virtual da Mesa de Mercados e Grandes Superficies, onde se trataron temas como:

  • A falta de concienciación e implicación medioambiental por parte dalgunhas empresas, o que desemboca nunha mala praxe, e a consiguinte xestión inadecuada dos residuos xerados.
  • Comentáronse futuros avances nas ordenanzas de residuos para os concellos de Galicia e como se están dando grandes progresos en ámbitos como os biorresiduos ou os residuos de aceites.
  • A importancia do ecodeseño, tanto á hora de construír os recintos que albergarán comercios e grandes superficies comerciais –xa que a falta de espazo suficiente para a correcta segregación e xestión de residuos é un dos grandes hándicaps existentes– como no propio deseño e análise do ciclo de vida dos produtos comercializables.
  • Do valor real do que custa xestionar ben os residuos en cada localidade, custo que aumenta cando os veciños e os empresarios non realizan o labor de separación dos diferentes tipos de residuos correctamente.
  • Presentouse, además, a posibilidade de que sexa máis efectivo sancionar as malas prácticas das empresas en relación á xestión dos seus residuos en Galicia, vendo a pouca eficacia que teñen actualmente outras medidas como os incentivos por facelo ben.
  • Un punto moi importante tratado nas mesas é a eco-responsabilidade de todos os cidadáns e empresarios para cos seus residuos, e de como a identificación das prácticas concretas de cada produtor está dando moi bos resultados con algúns xestores.
  • Tamén se falou da páxina web de Aproema Conecta que, proximamente, servirá como escaparate dos produtos valorizados polas empresas galegas e dos seus servizos asociados; produtos que, de ser considerados residuos sen valor, agora se consideran materias primas de alto valor engadido no mercado, fomentando así a economía circular na comunidade autónoma.

Todos os puntos considerados nas mesas son oportunidades para traballar na súa mellora, eficiencia e eficacia, o que se tratará de facer nas próximas mesas de Aproema Conecta. Dentro desta primeira rolda de mesas, hoxe terá lugar a Mesa de Residuos da Madeira e o venres a dos Residuos Plásticos. A segunda rolda de mesas terá lugar a finais do mes de marzo e a terceira a finais de abril. As espectativas que se teñen ao remate do proxecto, en xuño, son que se estableza unha comunicación fluída entre produtores, xestores e Administración, que permita o desenvolvemento de novos proxectos e relacións comerciais dirixidos a impulsar e facer eficaz a economía circular en Galicia.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)