Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Investigadores da USC avanzan cunha vacina contra o SARS-CoV2 que non precisa frío para a súa conservación



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE MARZO DE 2021 · (0)



O equipo de Mª José Alonso desde o CiMUS -Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago- traballa noutra vacina baseada na tecnoloxía do ARN mensaxeiro, nanopartículas que conteñen o material xenético. É un dos dez proxectos do Instituto de Salud Carlos III.


“Atopámonos en fase de avaliación clínica da vacina. Os ensaios con animais dirán se a resposta é potente e o seguinte paso será realizar os ensaios clínicos. Somos moi positivos e, de feito, a tecnoloxía desenvolta no noso laboratorio xa está a probarse desde o punto de vista do escalado, ou sexa a estabilidade e criterios de fabricación coa empresa catalá Hypra, que será a encargada de fabricala”, explica María José Alonso.

A catedrática indica que calquera tipo de vacina precisa dun adxuvante ou axente inmunoestimulante que cómpre engadir e que é case tan importante como o antíxeno. Explica que “igual que as vacinas de Pfizer e Moderna, a nosa, baseada na nanotecnoloxía farmacéutica, consiste en nanopartículas que conteñen ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro, é dicir, que trala administración destas partículas a un organismo por medio dunha inxección, o que ocorre é que as nanopartículas dirixen o ARN ao interior das células, transfiren a información xenética e xa o noso organismo produce o antíxeno que dá lugar á resposta inmune e nos vai defender fronte á enfermidade”.

Estas nanopartículas foron deseñadas polo equipo da Universidade de Santiago pero son diferentes ás de vacinas de Pfizer e Moderna. “Botando man da intelixencia artificial, deseñamos segmentos do ARN que foron asociados a nanopartículas no noso laboratorio” -sinala a investigadora-. Ao longo destes meses o equipo produciu máis de 150 prototipos usando diferentes biomateriais, logo seleccionaron os que cumprían os requisitos necesarios e, unha vez testados in vitro, resultaron 10 candidatos que foron testados in vivo e dos que se analizou a súa resposta celular e viral para comprobar cal era o mellor candidato.

Un gran consorcio

O equipo forma parte dun consorcio integrado polo IDIBAPS (Instituto de Investigaciones Biomédicas August Pi i Sunyer) e o Hospital Clínico de Barcelona -onde se realizarán os ensaios clínicos-, a Universidad de Barcelona, a Universidade Libre de Bruxelas, a Universidad Pompeu Fabra e o Centro Nacional de Biotecnología do CSIC -estos dous últimos realizarán os estudos in vivo, é dicir, comprobarán a eficacia da vacina en animais-. “A nosa finalidade é conseguir unha vacina óptima, que sexa estable para que tamén poida ser accesible aos países en vías de desenvolvemento, onde as infraestruturas sanitarias son moi precarias e resulta moi complexo manter a cadea de frío. Trátase dunha vacina fácil de producir e de transportar o antíxeno, ao tempo que é doada de fabricar a grande escala”.

Está financiado polo programa de micromecenado “Sumo Valor”, iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. E unha das liñas deste programa céntrase no apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da chamada pandemia. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 con microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa: https://www.usc.gal/gl/micromecenado/proxectos/microdoazons.html.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)