Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Vieites transmite á Xunta a importancia do diálogo social na planificación económica de Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 03 DE MARZO DE 2021 · (0)



O presidente da CEG reuniuse onte co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, e insistiulle na necesidade de participación na gobernanza dos fondos de recuperación de cara a acadar unha planificación e desenvolvemento óptimos da comunidade autónoma.


Juan Manuel Vieites está convencido do papel fundamental que o diálogo social debe xogar en Galicia para conseguir unha planificación e desenvolvemento económico óptimos e que as empresas galegas saian da pandemia o máis airosas posible. Así o manifestou a Francisco Conde, a quen lle trasladou a necesidade de “seguir facendo fronte aos efectos da pandemia con axudas que eviten o peche ou desaparición de numerosas empresas en Galicia afrontando, ao mesmo tempo, a modernización do tecido produtivo galego”.

Durante a reunión, Vieites abordou a intención de impulsar dende a patronal galega un servizo de apoio ás empresas para a participación e aproveitamento dos fondos da Unión Europea, que ofreza información e asesoramento ás compañías sobre os instrumentos dispoñibles e as condicións de acceso ao financiamento, en contacto directo e cooperación coas axencias encargadas da xestión de cada liña que se poña en funcionamento, estando a organización empresarial en disposición de contribuír á identificación e definición de proxectos financiables cos fondos europeos.

Para iso a patronal galega proponlle á Xunta a creación dunha oficina conxunta público-privada de identificación de proxectos empresariais da que tamén formen parte as confederacións provinciais. “E é que debemos traballar estreitamente para promover que as empresas de Galicia accedan aos fondos de recuperación e resiliencia xestionados directamente dende o Goberno de España”, expuso Juan Manuel Vieites.

Investimento en I+D+i

Así mesmo, a CEG considera imprescindible promover un maior nivel de investimento tanto público como privado en I+D+i como base dun desenvolvemento sólido do tecido empresarial galego. “O apoio á transferencia tecnolóxica e o nacemento de novas compañías e proxectos de empresas de base tecnolóxica deberán ser un obxectivo clave, aproveitando igualmente os recursos que a Unión Europea pon e porá á nosa disposición durante os próximos anos”, comunicoulle ao conselleiro de Economía, xa que considera que se debe estreitar a colaboración entre a Confederación de Empresarios de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (Gain) neste sentido.

Por último, Vieites apelou á “internacionalización” como “ferramenta fundamental para a saída da crise de 2008 e para a supervivencia e mantemento da actividade durante a situación que estamos vivindo”. Así é que lle insistiu a Francisco Conde na necesidade de “reforzar os mecanismos, sistemas e servizos de apoio ás empresas para mellorar a súa capacidade exportadora e de chegada a novos mercados”.

Parlamento

Juan Manuel Vieites tamén mantivo onte un encontro co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, continuando coa súa rolda de visitas institucionais e co obxectivo de trasladarlle os obxectivos máis inmediatos que persegue o empresariado galego, que se sustentan en atender as necesidades económicas xeradas como consecuencia da pandemia e en abordar a transformación do modelo produtivo e, en consecuencia, os retos da descarbonización, a transición enerxética xusta e a economía circular, a dixitalización, o envellecemento da poboación, a captación do investimento e a reindustrialización, así como o incremento do investimento en I+D+i.

Durante a reunión, o presidente da CEG tamén puxo o foco na importancia de que se propicie unha “axilización burocrática” en favor de “optimizar procesos, custos e tempos tanto aos profesionais como ás empresas”. “Estou convencido de que a inminente lei de simplificación administrativa de apoio á reactivación económica de Galicia suporá un avance importante neste sentido”, expuxo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)