Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A economía galega responde mellor á crise que a media española en 2020



REDACCIÓN · PUBLICADO O 25 DE MARZO DE 2021 · (0)



Con máis de 10.000 empresas en ERTE, o PIB galego cae un 8,9%, que é moito, pero son dous puntos menos que a media (-11%). A estrutura económica e produtiva galega, cun peso menor do turismo e a hostalería e maior do agroalimentario, contribuiron.


Así se desprende dos datos do “Informe de Conxuntura Socioeconómica” presentado hoxe en Santiago polos autores, os economistas Patricio Sánchez, Francisco Javier Armesto, Santiago Lago e Fernando González Laxe. As novas restricións e paralizacións dalgunhas actividades ao final do ano, racharon coa forte recuperación no terceiro trimestre e deterioraron as expectativas sobre a recuperación.

Con todo, cómpre destacar que as principais economías europeas presentan mellores datos no seu PIB: na UE a contracción é dun 6,3%. Canto a demanda, cabe salientar a achega negativa do gasto interno, cunha caída de 8,3 puntos. Este descenso é a consecuencia da merma nun 13,2% do investimento. Un descenso mesmo superior ao gasto das familias, que se reduce un 11,3%. Pola contra o gasto das administracións públicas amosa unha suba interanual do 4,5%.

No que atinxe a oferta, os grandes sectores produtivos presentan en Galicia un mellor comportamento que no conxunto de España, agás o primario (-3,3%). Tanto en Galicia coma en España as actividades que presentan a maior contracción son: comercio, transporte e hostalería, e as actividades artísticas. En Galicia a caída é do 18% e do 24,2% en España Tamén é algo mellor o comportamento da industria manufactureira: en Galicia contráese un 9,6% mentres que no conxunto do Estado un 10,7%.

O documento adica tamén unha análise ao indice de accesibilidade en relación ás redes de transporte marítimo no caso de Galicia e Portugal. Os expertos do Foro consideran que a medición das conexións marítimas dun territorio é unha ferramenta para coñecer os niveis de facilitación comercial. Nos portos galegos sobresae o alto nivel de especialización de porto de Vigo, en tanto que os demais rexistran movementos moito máis reducidos. En Portugal destacan os portos de Sines e Leixoes, que polarizan os tráficos de contedores e as escalas das embarcacións que configuran as cadeas globais de subministración.

Impacto no emprego

O mellor indicador da evolución é o número de horas traballadas, que amosan un axuste superior á caída do PIB (-10,7% ). Os ERTE constitúen a principal protección para os traballadores por conta allea. A 31 decembro 33.772 persoas estaban acollidas a un -un 3,4% das afiliacións galegas- pero con picos en abril dun 17%  e en maio dun 14%. O número de empresas con ERTE ascende a 10.933.

O axuste do emprego prodúcese en maior medida entre as persoas máis vulnerables: os máis novos, asalariados con contratos temporais, traballadores con xornadas a tempo parcial e persoas con menor nivel educativo. No extremo contrario: os asalariados con contrato indefinido e os empregados do sector público.

A taxa de paro en Galicia aumenta ata o 12% mentres no conxunto de España sube ata o 15,5%. Este axuste prodúcese de xeito xeralizado, agás no sector agrario e forestal que presenta unha medra dun 3,8%. Os sectores máis golpeados son a hostalería, cunha caída interanual do 31,3%, por diante da industria téxtil, coiro e calzado e madeira que sufriron una caída do 15,4% e 14,2% respecto ao número medio de horas traballadas no ano anterior. O informe pode ser consultado en : https://foroeconomicodegalicia.es/galicia-conxuntura.html



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)