Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Citic recibe financiamento da Xunta para promover as súas capacidades en intelixencia artificial



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE XUñO DE 2021 · (0)



O investimento está enmarcado nunha axuda recibida pola Universidade da Coruña de máis de 4,4 millóns de euros destinada a reforzar os seus centros e unidades de I+D+i. O Centro de Investigación TIC poñerá en marcha un laboratorio singular centrado en intelixencia artificial e analítica de datos.


Concretamente, poñerá en marcha un laboratorio singular centrado en intelixencia artificial e analítica de datos que estará vinculado ao Centro de Procesamento de Datos (CPD) do Citic. Ambas instalacións conformarán unha das infraestruturas singulares en investigación máis relevantes de Galicia no eido da intelixencia artificial. Nestas dependencias o centro coruñés investirá máis de 1,4 millóns de euros ao longo dos próximos dous anos. Estas novas instalacións terán o obxectivo de apoiar as liñas estratéxicas do centro e crear un espazo para fomentar a investigación multidisciplinar.

Desta forma, promoverase o posicionamento do Citic principalmente nas áreas de saúde, industria 4.0 e sustentabilidade. O laboratorio estará equipado con instrumentación e tecnoloxías únicas de recollida e sensorización de datos, que permitirá a reprodución de experimentos en diferentes escenarios. Nesta sala situarase un sistema de captura de movemento en todo o espazo con balizas portátiles, un espazo de experimentación con sistemas de realidade virtual inmersiva e realidade aumentada, un sistema para a detección de magnitudes físicas ambientais, obxectos e persoas, sistemas de visión para supervisar obxectos en movemento, un sistema de sensorización de edificios intelixentes e sostibles, unha plataforma in-cloud para a xestión, automatización e control industrial para o desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial e ciencia de datos na industria 4.0, e diferentes investimentos en robótica.

No eido da saúde, o Citic conta cun importante posicionamento, que se viu recentemente reforzado coa invitación ao director do centro, Manuel F. González Penedo, e ao investigador Alejandro Pazos, por parte da Fundación Profesor Novoa Santos, o Inibic e a Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña, a coordinar dous módulos sobre intelixencia artificial no Programa de Formación en Competencias Dixitais en Saúde para residentes.

Estes módulos formativos estarán impartidos por investigadores do Citic, dende o que tamén continúan desenvolvendo proxectos de investigación en relación á covid, como Cedcovid, enfocado ao uso da ciencia de datos para a loita contra a pandemia; o proxecto “Intelixencia artificial vs covid-19”, que aplica a IA para mellorar a detección, avaliación e seguimento dos enfermos a partir da información obtida de probas microbiolóxicas e de imaxe radiolóxica, e o proxecto “Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial”, que emprega algoritmos de busca do campo da computación evolutiva para determinar a estrutura dos diferentes compoñentes proteicos do coronavirus. Tamén é destacable a participación en Covidbens, desenvolvido en colaboración co Inibic, o CICA e a empresa Edar Bens para a análise da carga viral nas augas residuais na área metropolitana da Coruña.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)