Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un outono de formación tecnolóxica para todos os públicos



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)



Coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (Cpetig) desenvolverá en setembro e outubro un programa que integra actividades formativas para profesionais e para escolares.


Unhas xornadas técnicas sobre a salvagarda da información, dirixida a axentes da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) da Xunta, son as primeiras actividades do programa que vén de presentar o Cpetig, que xa comezaron esta semana en streaming desde o GaiásTech e continuarán mañá con relatores expertos como Paco Marcilla.

Dentro da programación dirixida a profesionais se desenvolverá ademais unha nova edición dos Seminarios sobre Informática Xudicial, Ciberseguridade e Protección de Datos-Iuristicgal, co obxectivo de informar aos profesionais do dereito sobre os aspectos máis relevantes da administración electrónica xudicial, así como un curso de análise forense aberto, unha formación aberta ao público xeral na que se contará con relatores recoñecidos na materia.

O Cpetig tamén impulsa unha nova edición do Scratch Day, unha iniciativa que ten por obxectivo ensinar nocións de programación informática a escolares de entre 7 e 15 anos e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os mozos. Esta actividade, cun enfoque totalmente práctico e celebrada con gran éxito de participación en anos anteriores, compleméntase cun obradoiro dirixido ao profesorado.

O Scratch Day pretende divulgar os valores da programación informática desde idades temperás, de xeito que os escolares acceden a esta contorna técnica de forma lúdica e divertida, tendo en conta como valor engadido que a través da programación se incentivan a creatividade e o emprendemento e se melloran a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas.

Mulleres

A programación tamén inclúe un documental sobre a presenza das mulleres no eido das enxeñarías informáticas que ten por obxectivo poñer en valor e incentivar a súa participación no sector. O traballo está centrado na necesidade que teñen as carreiras tecnolóxicas e en especial a informática da presenza feminina como achega de valor, dándolle visibilidade ás mulleres que foron esenciais no desenvolvemento desta disciplina e a tantas outras que hoxe en día traballan no sector, buscando desde as súas experiencias rachar con ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, desde idades moi temperás, da opción de escoller estudos vinculados á informática.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)