Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia é a segunda CA que máis exporta a Polonia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 14 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)



Cun incremento de máis do 220% nas vendas da última década, as empresas galegas situaron a esta comunidade autónoma só por detrás de Cataluña en exportacións a aquel país. Unha delegación da rexión polaca de Pomerania estivo hoxe no Círculo de Empresarios, revelándose como un potencial aliado comercial de Galicia.


O dato foi facilitado esta mañá pola presidenta da organización empresarial viguesa, Patricia García, durante o encontro que un grupo de socios mantivo coa agrupación Pomerian Employers e a Axencia de Desenvolvemento Rexional daquel territorio.

Cunha poboación crecente de máis de 2,3 millóns de habitantes, a economía pomerana está apostando por tecnoloxías offshore, portuarias e loxísticas, así como por tecnoloxías eficientes no plano ecolóxico na produción, transmisión, distribución e consumo de enerxía e combustibles, tecnoloxías médicas para enfermidades ligadas ao envellecemento, biotecnoloxía, produtos farmacéuticos e cosméticos, e turismo. A área metropolitana de Gdansk-Gdynia-Sopot está considerada como a metrópoli innovadora e creativa do Báltico, unha rexión costeira con grandes portos marítimos (Gandsk é o principal porto de Polonia).

A rexión polaca presenta afinidades económicas coa Galicia costeira, que foron analizadas durante o encontro desta mañá, no que tamén se desgranaron oportunidades de negocio e o potencial da colaboración entre ambos territorios. As relacións comerciais entre Galicia e Polonia rexistraron un incremento exponencial durante esta última década, ata o punto de que as vendas das empresas galegas naquel país supoñen entre o 13% e o15% do total das exportacións españolas ao mercado polaco.

O poder do téxtil

O principal capítulo exportador é o téxtil, o que consolida á provincia da Coruña como a segunda provincia española que máis vende naquel país (só por detrás de Barcelona), mentres que Pontevedra ocupa o 16º lugar, coa pasta de madeira e a automoción como principais capítulos exportadores.

Pese á pandemia, Galicia mantivo durante estes dous anos importantes taxas de crecemento (15,72 % en 2020 e 26,65 % entre xaneiro e xuño de 2021), froito da intensificación das relacións comerciais. Cunha balanza comercial notablemente positiva para Galicia, o superávit acadou o ano pasado os 830 millóns de euros, mentres que a taxa de cobertura se situou por riba do 1.000%.

Aínda que a un ritmo menor, tamén as importacóns (coa paréntese de 2020 por mor da pandemia) veñen rexistrando incrementos importantes dende 2016. O primeiro semestre de 2021, cun crecemento do 52 %, augura que este será un ano récord nas importacións galegas procedentes de Polonia. Máquinas e aparellos mecánicos, automoción, manufacturas de metais, produtos químicos orgánicos e mobles son os principais produtos importados polas empresas gallegas.

Círculo asinou un convenio de colaboración con Pomerian Employers coa finalidade de sentar as bases de colaboración en actividades de diversa índole que poidan ser de interese para ambas partes e que puidesen conducir a proxectos de cooperación empresarial.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)